Sumar Galicia reclama que se freen os despedimentos en Nestlé

Movemento Sumar Galicia mantivo este venres unha reunión co comité de empresa de Nestlé en Pontecesures xunto á deputada Verónica Martínez Barbero e á secretaria de Organización da formación, Gloria Alonso, para trasladar o seu apoio ao persoal afectado polo ERE anunciado pola multinacional. A organización considera inaceptable que se pretenda destruír emprego nunha planta estratéxica para Galicia mentres a compañía continúa acumulando beneficios millonarios.
A planta de Pontecesures, a única de Nestlé en Galicia, produce leite condensado para distintos mercados internacionais e exporta arredor do 70 % da súa produción. O expediente formulado pola empresa supón o despedimento de 27 persoas, preto do 14 % do cadro de persoal, a porcentaxe máis alta de afectación de todo o Estado.
Movemento Sumar Galicia cuestiona que Nestlé alegue causas para un despedimento colectivo nun centro de traballo que, segundo traslada o comité, mantén unha elevada carga produtiva e no que son habituais as horas extra, o traballo en fins de semana e o recurso a ETT e subcontratas. A organización lembra ademais que Nestlé España pechou o ano 2025 cunha facturación récord de 2.894 millóns de euros, un 12 % máis que o exercicio anterior.
“Isto non é xestión, é a lei da selva. Hoxe, Movemento Sumar Galicia estivemos nunha xuntanza co comité de empresa de Nestlé, en Ponte Cesures. Esta empresa ten beneficios millonarios e ten as traballadoras e traballadores en folga. Por que? Porque están ameazados con ir á rúa, con despedimentos. Beneficios millonarios e despedimentos. Desde Sumar Galicia esiximos que se respecten os dereitos das persoas traballadoras. As empresas non poden socializar os
despedimentos e privatizar os beneficios”, afirmou Verónica Martínez Barbero ao remate da reunión.
Movemento Sumar Galicia comprométese a acompañar o comité de empresa nas iniciativas necesarias para defender o emprego e reclama ao Goberno que exerza todas as súas competencias como autoridade laboral para comprobar se as causas alegadas pola multinacional están realmente xustificadas.
A formación insiste en que unha empresa con beneficios históricos non pode destruír emprego sen explicacións sólidas e reitera a necesidade de reforzar a protección dos dereitos laborais fronte ás prácticas das grandes multinacionais.