SUMRRÁ e De Vacas celebran os seus aniversarios no Auditorio de Galicia

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou este mércores dous concertos moi especiais da axenda de Compostela Cultura que celebran a traxectoria de dúas bandas emblemáticas da escena musical compostelá: SUMRRÁ, que pecha en novembro a xira do seu 25 aniversario, e De Vacas, que festexa en decembro os seus 10 anos de carreira cun espectáculo sinfónico.
Acompañada por Xacobe Martínez Antelo, Paula Romero e María José Pámpano, Louzao puxo en valor “a traxectoria destas formacións excepcionais que son parte viva da banda sonora desta cidade” e convidou á cidadanía a asistir a “dous concertos que, máis que eventos illados, son fitos dunha mesma historia colectiva: a dunha Compostela fértil, diversa e creativa”.
SUMRRÁ · Revoluti8n
O primeiro concerto será o de SUMRRÁ, o sábado 29 de novembro ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia. O trío formado por Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e LAR Legido (batería) pechará a súa xira conmemorativa presentando o novo álbum Revoluti8n.
“Despois de 25 anos queriamos mover o avesporeiro, forzar unha escoita distinta”, explicou Martínez Antelo. “Fixemos un disco que é unha revolución para nós, mantendo o espírito salvaxe de testarnos a nós mesmos”.
Recoñecido co Premio Jazz España 2022, SUMRRÁ é o trío máis lonxevo da escena jazzística estatal e un dos proxectos galegos con maior proxección internacional, con actuacións en festivais de Canadá, Corea, México, Brasil, China, Sudáfrica ou Portugal. O espectáculo contará co deseño de son de Xurxo Pinheiro e espazo escénico de Laura Iturralde e Coti.
De Vacas · Vacanal Sinfónica
Un mes despois, o domingo 28 de decembro ás 20.30 horas, será a quenda de De Vacas, que celebra o seu décimo aniversario co espectáculo Vacanal Sinfónica. Inés Salvado, Paula Romero, Faia Díaz e Guillerme Fernández propoñen unha revisión sinfónica e operística dos seus temas máis coñecidos.
“Acostumadas a estar espidas na escena, decidimos que o décimo aniversario tiña que ser o contrario: contar co acompañamento do Coro da Ra, dun cuarteto de cordas e outro de ventos”, explicou Paula Romero. O concerto incluirá arranxos e dirección musical de Lucas Rei, a participación do Coro da Ra dirixido por Ramón Bermejo, e unha orquestra creada especificamente para o proxecto. A posta en escena correrá a cargo de As dúas e punto.
Entradas
As entradas (12 €, con descontos do 50% para diferentes colectivos) están dispoñibles desde este mércores na web de Compostela Cultura e na Zona C – Punto de información Cultural (praza de Cervantes). En caso de haber localidades dispoñibles, tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Auditorio o día de cada evento desde unha hora antes do comezo.