Taboadela acusa ao BNG de incoherencia "pedir máis Navantia pero oporse ás inversións estratéxicas"

A deputada socialista acusa ao Bloque de reclamar máis carga de traballo para Ferrolterra mentres cuestiona as políticas que están reforzando a industria da defensa e os sectores estratéxicos en Europa
ObsuliaTaboadela
11 Jun 2026

A deputada socialista galega no Congreso Obdulia Taboadela denunciou hoxe a “incoherencia” do BNG ao reclamar máis investimento, capacidade produtiva e carga de traballo para Navantia mentres se opón ás políticas que están impulsando o reforzo da industria da defensa e dos sectores estratéxicos en toda Europa.

Durante o debate dunha moción presentada polos nacionalistas no Congreso dos Deputados, Taboadela preguntou directamente ao deputado Néstor Rego “en que quedamos”, advertindo de que “non se pode pedir máis Navantia para Ferrolterra e opoñerse ao mesmo tempo ás inversións que fan posible ese futuro industrial”.

A parlamentaria socialista lembrou que o propio BNG rexistrou recentemente iniciativas nas que reclama ao Goberno un plan industrial para Navantia, máis capacidade produtiva para os estaleiros da ría de Ferrol e garantías de carga de traballo para un sector estratéxico para Galicia. “O que non se pode facer é defender unha cousa e a contraria ao mesmo tempo”, sinalou.

Taboadela reivindicou a aposta do Goberno de España por Navantia e por Ferrolterra, destacando que as inversións realizadas nos últimos anos están a contribuír a consolidar emprego de calidade, innovación tecnolóxica, formación especializada e novas oportunidades industriais para miles de familias galegas.

“Este Goberno apostou por Navantia porque coñece perfectamente a importancia estratéxica dunha industria capaz de xerar emprego, desenvolvemento económico e futuro para Galicia”, afirmou.

A deputada socialista advertiu tamén de que Europa afronta un escenario internacional marcado pola guerra, a inestabilidade xeopolítica, os ciberataques e as ameazas híbridas, unha realidade que obriga aos estados democráticos a reforzar as súas capacidades de seguridade e autonomía estratéxica.

Neste contexto, rexeitou o que definiu como unha “falsa dicotomía” entre seguridade e Estado do benestar. “Non hai que escoller entre defensa e dereitos sociais. Este Goberno está demostrando que é posible reforzar a seguridade e ao mesmo tempo seguir ampliando dereitos, prestacións e servizos públicos”, sostivo.

Taboadela lembrou que España continúa liderando o crecemento das grandes economías europeas, cunha taxa de paro por debaixo do 10% por primeira vez en dezasete anos e máis de 22 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social, ao tempo que segue reforzando políticas sociais e investimentos estratéxicos.

Puxo tamén en valor o papel da industria da defensa como motor de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, lembrando que unha parte importante dos avances que hoxe teñen aplicación civil naceron de programas de investigación vinculados á seguridade, ás comunicacións ou á industria aeroespacial.

Finalmente, reivindicou a posición do Partido Socialista fronte ás posturas “simplistas” e aos discursos que pretenden presentar a seguridade e o benestar como realidades incompatibles: “A mellor defensa dun país empeza por protexer ás persoas que viven nel. Por iso defendemos máis seguridade, máis cohesión social, máis emprego e máis oportunidades para todos e todas”.

0.33971095085144