Tanxugueiras celebra dez anos de traxectoria ante máis de 8.000 persoas no Coliseum da Coruña

Tanxugueiras celebrou esta noite na Coruña o seu décimo aniversario cun concerto no Coliseum ao que asistiron máis de 8.000 persoas. O trío formado por Aida, Olaia e Sabela aproveitou a ocasión para presentar o seu último traballo discográfico, O Cuarto, nun espectáculo que marcou tamén o inicio da nova xira e no que recuperou cancións dos seus anteriores discos.
A cita contou coa participación de numerosas artistas e formacións convidadas, que compartiron escenario co grupo nunha noite especial. Entre elas estiveron as pandeireteiras AdeLina e Lilaina, Baiuca, Caamaño&Ameixeiras, Lagharteiras, María José Llergo, Juancho Marqués e Valeria Castro. Tamén participaron os bailadores Fran Sieira e Artur Puga.
Ao longo do concerto, os novos temas, entre eles Metal mollado, Na noite e Ea ea, combinaron cos éxitos que marcaron a traxectoria de Tanxugueiras, como Gatinha mansa, Río verde, Hoxe, mañá e sempre, Pano corado, Midas e Terra.
Un dos momentos destacados da noite chegou cando o grupo compartiu co público a interpretación de Parabéns para ti. Ademais, as tres integrantes convidaron ao escenario os produtores dos seus discos, Isaac Palacín, Iago Pico e Pedro Pascual, para interpretar xuntos o tema Glasgow.
O concerto serviu así para celebrar unha década de carreira do grupo galego, marcada pola renovación da música tradicional e pola combinación das pandeiretas e os ritmos populares con sonoridades contemporáneas.