Terras de Celanova-Serra do Xurés impulsará novas rutas e experiencias turísticas para reforzar o destino

O xeodestino aposta por actividades vinculadas á natureza e ao patrimonio e continuará promovendo a calidade e a sustentabilidade turística
programación-de-rutas-e-experiencias-Terras-de-Celanova-Serra-do-Xurés
20 Jun 2026

O xeodestino Terras de Celanova-Serra do Xurés, xestionado polo Inorde, acordou impulsar durante o segundo semestre do ano unha programación de rutas e experiencias turísticas centradas na natureza e no patrimonio, situando o territorio como elemento principal da proposta.

Esta decisión foi adoptada durante a reunión de seguimento celebrada no auditorio de Outomuro, no concello de Cartelle, na que tamén se definiron as principais accións que se desenvolverán ao longo deste ano de forma coordinada entre os 14 municipios que forman parte deste xeodestino.

Durante o encontro aprobouse tamén a liquidación correspondente á anualidade 2025 do organismo, ao tempo que se avanzou na planificación doutras iniciativas orientadas a reforzar a proxección e o posicionamento turístico deste espazo.

Entre as accións previstas figura a posta en marcha de campañas de comunicación dixital en colaboración con prescriptores turísticos, co obxectivo de aumentar a visibilidade dos territorios que integran Terras de Celanova-Serra do Xurés e mellorar a súa promoción exterior.

Ademais, a comisión de seguimento creada entre os concellos e o Inorde, no marco do convenio subscrito coa Axencia Turismo de Galicia para promover o destino, continuará desenvolvendo iniciativas destinadas a reforzar a calidade e a sustentabilidade turística mediante o Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED).

Actualmente este sistema conta coa participación de 28 servizos turísticos, tanto públicos como privados, que forman parte da estratexia para consolidar unha oferta turística de maior calidade e adaptada ás demandas actuais.

Os concellos que integran este xeodestino son Cartelle, A Merca, Gomesende, Ramirás, Padrenda, Quintela de Leirado, Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e A Bola.

0.32608103752136