The Rapants, elixidos como Artista do Ano polos Premios PALCO

Os Premios PALCO, os galardóns da industria musical galega impulsados pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, xa teñen os seus primeiros premiados nesta segunda edición. The Rapants recibirán o recoñecemento a Artista do Ano 2026, a Fundación Paideia será distinguida como Persoa do Ano e o festival pontevedrés Surfing The Lérez volverá obter o Premio á Excelencia na Experiencia do Público, por segundo ano consecutivo.
A banda de Muros foi escollida pola súa capacidade para representar a música galega actual e conectar co público. Desde a organización destacan o éxito do proxecto The Rapants Club, co que o grupo conseguiu crear unha comunidade arredor da súa música e encher o Multiusos Fontes do Sar. A formación consolidouse como unha das propostas máis destacadas da escena galega, combinando pop, garage e disco cun directo caracterizado pola enerxía.
Pola súa banda, a Fundación Paideia recibe o premio polo seu compromiso coa profesionalización da industria musical galega e polo apoio continuado aos artistas emerxentes. A través de iniciativas como Estudios Mans, ofrece formación, mentorías, gravación e promoción musical, contribuíndo ao desenvolvemento e á consolidación de novos proxectos.
O público escolleu por votación popular o Surfing The Lérez como gañador do premio que recoñece a excelencia na experiencia das persoas asistentes. O festival pontevedrés repite así o éxito da edición anterior, por diante doutras propostas finalistas como Gulliver Fest e Osa do Mar. O galardón pon en valor aspectos como a organización, a accesibilidade, os servizos e a atención ao público.
A gala de entrega dos premios celebrarase o martes 3 de novembro, a partir das 19.30 horas, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Durante o acto daranse a coñecer os gañadores das restantes categorías, nas que compiten 42 proxectos finalistas repartidos en 14 modalidades, que abarcan ámbitos como a produción musical, a iluminación, o son, a comunicación, a identidade visual e a organización de eventos.
Os Premios PALCO forman parte do encontro profesional PALCO, que terá lugar en Santiago de Compostela do 3 ao 5 de novembro. A iniciativa busca dar visibilidade ao talento galego, favorecer a colaboración entre os distintos axentes do sector e impulsar unha industria musical máis profesional, innovadora e sostible.