The Rapants, Laura Lamontagne, O Xoán e Caamaño&Ameixeiras actuarán no concerto solidario por Gaza

A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 8 de outubro a terceira edición de AmalxGaza, o concerto solidario coa poboación palestina organizado pola Fundación Araguaney e o Festival Amal. A cita formará parte da programación da Semana de Cine Euroárabe e reunirá sobre o escenario a The Rapants, Laura Lamontagne, O Xoán e Caamaño&Ameixeiras.
A iniciativa busca recadar fondos para apoiar o traballo da Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina no Oriente Próximo (UNRWA), nun contexto marcado pola emerxencia humanitaria e a destrución de infraestruturas básicas na Franxa de Gaza.
A Fundación Araguaney impulsa novamente este concerto coa intención de dar continuidade ao seu apoio á poboación palestina e de empregar a cultura como ferramenta de sensibilización e solidariedade. A entidade destaca tamén a participación de artistas galegos nesta terceira edición.
As entradas están xa á venda de maneira anticipada a través da web da Sala Capitol. Tamén poderán adquirirse en A Reixa Tenda / Matrioska, situada no número 53 da rúa do Hórreo, e na propia billeteira da Sala Capitol o día do concerto, a partir das 19.30 horas.