The Rapants, Treixadura e Luar na Lubre encabezarán o 25 aniversario do Guísamo Folk en Bergondo

O Guísamo Folk celebrará este ano o seu 25 aniversario cunha edición especial que reunirá o cartel de concertos máis amplo da súa historia. O festival, convertido nunha das citas culturais de referencia da comarca e da provincia da Coruña, terá lugar o sábado 22 de agosto no Campo da Feira de Guísamo.
A programación estará encabezada por dúas das formacións máis emblemáticas da música tradicional galega. Treixadura levará ao escenario o seu repertorio baseado no canto tradicional e na música popular, mentres que Luar na Lubre, unha das bandas galegas con maior proxección internacional, achegará o seu característico son folk celta.
O cartel complétase con Radio Cos, referente na renovación da música e da percusión tradicional galega; Alana, que mestura o folk con sons electrónicos; e The Rapants, unha das bandas galegas do momento, que incorporará ao festival unha proposta marcada polo indie e o garage.
A representación local correrá a cargo da Agrupación de Música Tradicional de Bergondo máis Amig@s, dirixida por Pedro Lamas, que será a encargada de poñer en valor o talento musical existente no municipio nunha edición especialmente simbólica.
Ademais dos concertos, o Concello avanzou que nas próximas semanas dará a coñecer os horarios das actuacións e o resto da programación paralela, na que volverán estar presentes a comida popular, obradoiros e actividades para o público infantil.
Desde o Concello de Bergondo destacan que o obxectivo segue sendo ofrecer unha programación variada capaz de atraer públicos de diferentes idades e gustos musicais, ao tempo que agradecen a implicación da veciñanza, cuxa colaboración consideran fundamental para que o Guísamo Folk continúe consolidándose como unha das grandes citas culturais do verán galego.