Todo listo en Chantada para unha nova edición do festival feminista Polas Bravas

O festival reunirá figuras destacadas do ámbito cultural e do activismo, como Cristina Fallarás ou Gabriela Wiener, ademais doutras creadoras, artistas e referentes do panorama galego e internacional
polas-bravas-2024-foto-polamiuda
29 May 2026

Chantada prepárase para unha nova edición do festival Polas Bravas, que se celebrará os días 5 e 6 de xuño e que chega xa á súa cuarta convocatoria como unha das citas culturais de referencia no ámbito feminista da provincia de Lugo.

O evento está organizado pola asociación feminista chantadina Polamiúda e conta coa colaboración do Concello de Chantada, da Deputación de Lugo e do tecido empresarial e comercial local. O programa, de acceso libre e gratuíto, aposta por unha ampla variedade de disciplinas artísticas como música, poesía, teatro, circo e performance, cunha programación pensada para todos os públicos.

O festival reunirá figuras destacadas do ámbito cultural e do activismo, entre elas Cristina Fallarás ou Gabriela Wiener, ademais doutras creadoras e referentes do panorama galego e internacional.

A primeira xornada terá lugar na Praza da Paz a partir das 21:00 horas cun recital poético de Silvia Penas, seguido da actuación musical de Silvia Penide. A presentación da velada correrá a cargo da actriz galega Arantza Villar, integrante da compañía Chévere.

A noite concluirá coa intervención musical de Ruth Conde, coñecida artisticamente como ‘Ningún DJ’, vinculada tamén ao activismo social e humanitario.

O sábado a programación trasladarase ao parque Eloísa Rivadulla desde o mediodía. Ás 12:00 abrirá a xornada o coro infantil Música na Escola, seguido dun espectáculo de circo de Marta Iglesias co seu show Cèst pas possible. Ás 13:00 actuará o Coro de Mulleres Bravas, un dos proxectos centrais do festival pola súa dimensión interxeracional.

Tras a sesión vermú coa pinchada das Chapamama, o festival continuará pola tarde coa chegada de La Nuestra Festival Ambulante. Neste bloque participarán, entre outras, Cristina Fallarás cunha charla centrada no movemento testemuñal e a visibilización das violencias machistas, así como Gabriela Wiener, que ofrecerá unha proposta performativa. Tamén intervirán outras creadoras como Andrea Aldana e Lourdes Lucía.

A xornada continuará no Auditorio ás 18:30 horas coa peza teatral de Brigitte Vasallo, Queixa [Roma ou Morte], dirixida por Gena Baamonde. O peche do festival chegará de novo ao parque Eloísa Rivadulla cunha programación musical que inclúe actuacións de Os Rascals, Abril, Nadie González, Amiga Fea e a sesión final a cargo de Señora DJ.

0.32972097396851