Toma posesión Luis León como xerente do Servizo Galego de Saúde

Subliña as fortalezas do sistema sanitario público: os profesionais, as infraestruturas e os recursos tecnolóxicos, co claro obxectivo de garantir unha atención de calidade
luis-leon-servizo-galego-de-saude
8 Jun 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu esta mañá a toma de posesión do doutor Luis León Mateos como novo xerente do Servizo Galego de Saúde, que asume o cargo con retos por diante como o fortalecemento da atención primaria e da saúde mental ou a xestión das listas de espera, nun contexto marcado polo déficit de profesionais e pola folga do persoal médico contra o Estatuto Marco que promove o Goberno central.

Durante a súa intervención na toma de posesión, no que tamén participou a secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato, o conselleiro de Sanidade destacou a ampla traxectoria asistencial, docente e investigadora do doutor Luis León.

Gómez Caamaño tamén tivo palabras de agradecemento para o xerente saínte, José Ramón Parada, pola súa profesionalidade e dedicación nos máis de dous anos de traballo no cargo.

No seu uso da palabra, o novo xerente do Sergas sinalou que a sanidade vive momentos complexos, con retos estruturais de gran magnitude, como o envellecemento e a dispersión da poboación, e incidiu en que é necesario repensar o modelo de atención.

Tamén destacou as importantes fortalezas do sistema sanitario, entre as que citou aos profesionais, as infraestruturas e os recursos tecnolóxicos, co claro obxectivo de garantir unha atención de calidade.

Pola súa banda, o xerente saínte, José Ramón Parada, agradeceu ao conselleiro a súa confianza nestes anos de moito traballo.

Luis León é licenciado en Medicina pola Universidade de Navarra, especialista en Oncoloxía Médica, doutor en Medicina pola USC e profesor asociado en Ciencias da Saúde. Conta, ademais, cunha ampla traxectoria asistencial, docente e investigadora.

Desenvolveu a súa carreira asistencial no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, no Hospital Meixoeiro de Vigo, no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol e no Complexo Universitario de Pontevedra, ademais de realizar estadías formativas no MD Anderson Cancer Center de Houston e no Bellevue Hospital de Nova York.

No ámbito da xestión e da innovación, foi subdirector de Investigación, Docencia e Innovación do Sergas e director da Área de Planificación e Promoción da Investigación da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde.

Na súa faceta académica e científica, é profesor asociado na USC, coordinador do Título Experto en Oncoloxía de Precisión e autor de numerosas publicacións e proxectos competitivos en oncoloxía de precisión, biopsia líquida e inmunoterapia.

Ata o momento, exercía como xefe de sección no Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e presidía o Comité Molecular de Tumores do Servizo Galego de Saúde desde 2025.

0.38538813591003