Toma posesión Salvador Mariño-Ageitos como director de Atención Primaria

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu esta mañá o acto de toma de posesión de Salvador Mariño-Ageitos como novo director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, onde reafirmou a aposta da Xunta pola potenciación e reforzo deste nivel asistencial.
Ao acto tamén asistiu a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e a secretaria xeral da Consellería de Sanidade, Natalia Lobado, ademais de membros do equipo directivo e das distintas áreas sanitarias.
Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria lembrou que esta nova dirección xeral se crea co obxectivo de consolidar este nivel asistencial como o verdadeiro motor e pedra angular do sistema sanitario público galego e para levar a cabo a reforma integral á que se comprometeu o Goberno galego.
A Consellería de Sanidade busca así fortalecer o primeiro nivel asistencial e reforzar o seu papel central para potenciar os recursos existentes.
A nova dirección xeral de primaria asegurará a coordinación, o seguimento continuo e a correcta execución da reforma integral deste nivel asistencial, que a Xunta se comprometeu a presentar no primeiro semestre do ano.
Tamén dixo o conselleiro que este é un dos primeiros paso da reforma de primaria. Así, ademais de modificar a estrutura do Servizo Galego de Saúde tamén se potenciará o papel dos xefes de servizo.
Pola súa parte, o novo director xeral salientou que a sanidade galega está entre as mellores do mundo, grazas aos seus profesionais, e afirmou que entende a atención primaria como o lugar no que se coida á persoa na súa totalidade e ao longo de toda a súa vida.