Tona Martínez substitúe a José Bernardo Silveira á fronte da AGEF

Tona Martínez foi elixida nova presidenta da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), no transcurso da XXVI Asemblea Xeral de Socios da entidade celebrada no Hotel A Quinta da Auga, de Santiago de Compostela. Convértese así na primeira muller en ocupar a presidencia da AGEF e toma o relevo de José Bernardo Silveira, que permaneceu tres anos no cargo.
Tona Martínez agradeceu á Xunta Directiva e a todos os socios o apoio á súa candidatura, destacando “a historia de valentía, risco, dificultade, esforzo e dedicación que hai detrás do éxito de cada empresa familiar e que moitas veces se esquece, e cústanos transmitir á sociedade. Nós e as institucións públicas debemos fomentar o emprendemento entre os mozos e entre as mulleres que, tradicionalmente, emprendemos menos, polas circunstancias sociais”.
A nova presidenta da AGEF destacou a importancia do legado e o labor daqueles primeiros emprendedores, “que detectaron unha necesidade na sociedade e dedicaron todo o seu esforzo a facelo posible, arriscando o seu patrimonio”. Lembrou ademais o papel das novas xeracións que os sucederon para “evolucionar e mellorar os proxectos familiares” e subliñou o apoio “dos cónxuxes, tradicionalmente, as nosas nais, avoas, bisavoas, etc., sen cuxo labor, tan pouco recoñecido, non existiría a empresa familiar. Porque elas foron e son a outra metade indispensable”.
Durante o seu discurso, Tona Martínez fixo fincapé na importancia e relevancia das empresas familiares na sociedade e na economía galega, que representan máis do 90 % do tecido produtivo e xeran máis do 80 % do emprego privado na Comunidade. Recalcou, ademais, a necesidade de conseguir “un entorno de confianza e estabilidade no que se tomen medidas valentes, con visión de futuro, no mundo tan complexo e variable no que vivimos. As empresas familiares son esenciais nesta Comunidade e xeran riqueza que redunda en beneficio de todos”.
Tras as palabras de Tona Martínez, Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de ABANCA, sinalou que “non é posible predicir que pasará mañá, pero si sabemos que as empresas familiares seguiremos traballando día tras día con seriedade e ilusión para forxar o noso futuro, como sempre fixemos”.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, pechou o acto de clausura, felicitando ao presidente saínte polo seu labor e á nova presidenta pola toma de posesión do cargo. No seu discurso cualificou á AGEF como unha asociación fundamental, polo que representa en Galicia “gran parte do PIB” e fixo alusión á necesidade de reter e retornar talento e á atracción de novos investimentos na comunidade autónoma.
Asistiron tamén ao acto de clausura da XXVI Asemblea o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez.
Durante a Asemblea, a AGEF presentou a Memoria de Actividades de 2025, recollendo, entre outros fitos, a celebración da Gala XXV aniversario da entidade, a renovación de convenios coas Universidades de Vigo, A Coruña e Santiago para impulsar as Cátedras de Empresa Familiar, e con ABANCA e Afundación para prorrogar o desenvolvemento do programa educativo “Empresa familiar nas aulas”, no que xa participaron case 5.000 mozos nas súas seis edicións. Tamén se repasou, ante os socios reunidos en Santiago, a organización de todas as actividades docentes, encontros ou xornadas para socios, ademais de foros e visitas a empresas, organizadas no marco do Fórum Familiar.
Durante a xornada celebrouse, ademais, un debate sobre a IA aplicada á empresa, moderado polo CEO de Grupo Revi, Julio Iglesias García, no que participaron o director de tecnoloxía de tenda de Inditex, Juan Galán, o director executivo de transformación e PMO de ABANCA, Juan Manuel Sánchez-Quinzá, e a directora de proxectos de Subgen AI, Paula Martínez Dieste.
Licenciada en Dereito, máster en dereito da Unión Europea e especialista en dereito tributario con ampla experiencia en asesoramento a empresas familiares, Tona Martínez é na actualidade secretaria do Consello de Administración de Fincorporativa e conselleira de Finsa, compañía familiar que desenvolve desde hai máis de noventa anos as súas actividades no sector da transformación industrial da madeira.