Tony Hadley porá o broche final ás Noites de María Pita este domingo na Coruña

As Noites de María Pita chegarán este domingo 16 de agosto ao seu final cunha das actuacións máis destacadas das Festas de María Pita 2026. O escenario da praza de María Pita acollerá ás 22.00 horas o concerto de Tony Hadley, histórica voz e líder de Spandau Ballet, nunha actuación de acceso gratuíto.
O artista británico estará acompañado pola súa Fabulous TH Band e ofrecerá un percorrido por algúns dos temas máis coñecidos da súa traxectoria, entre eles ‘Gold’, ‘True’ e ‘Through the Barricades’, cancións que se converteron en clásicos do pop internacional durante os anos oitenta.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puxo en valor a elección do artista para pechar o ciclo e explicou que “Desde o Goberno de Inés Rey quixemos que as Noites de María Pita rematasen cun artista de dimensión internacional e cun repertorio capaz de conectar con públicos moi diversos. Tony Hadley é unha das voces máis emblemáticas da música popular contemporánea e a súa presenza reforza o extraordinario nivel da programación deste verán”.
Hadley acumula preto de catro décadas de carreira e foi unha das figuras destacadas do movemento New Romantic e do pop británico. Durante a súa etapa á fronte de Spandau Ballet, a banda acadou recoñecemento internacional, encabezou listas de vendas en distintos países e realizou numerosas xiras.
Despois da súa etapa no grupo británico, o cantante iniciou unha carreira en solitario na que publicou diferentes traballos discográficos e actuou en escenarios de todo o mundo. Nos últimos anos tamén incorporou aos seus proxectos propostas relacionadas co swing e as grandes bandas.
Ao longo da súa traxectoria recibiu distintos recoñecementos, entre eles a Insignia de Ouro da Academia Británica de Compositores e Letristas e a distinción de Membro do Imperio Británico (MBE) pola súa actividade solidaria e benéfica.
O concerto de Tony Hadley pechará unha edición das Noites de María Pita que durante o mes de agosto reuniu na Coruña propostas musicais galegas, estatais e internacionais, coa praza de María Pita como escenario principal.