Torrado acusa á Xunta de "comprar tempo" nas urxencias en lugar de contratar profesionais e ordenar os sistema

O deputado socialista defendeu unha moción para reforzar os servizos de urxencias do Sergas con máis persoal estable, planificación por centros e máis capacidade formativa
Sala-de-espera-de-Urxencias-HULA
17 Jun 2026

O deputado socialista Julio Torrado acusou á Xunta de Galicia de intentar "comprar tempo" na xestión das urxencias hospitalarias en lugar de afrontar o problema de fondo: a falta de profesionais, a ausencia de planificación e a tendencia da Consellería de Sanidade a resolver un burato abrindo outro. "A súa solución foi poñerlle prezo ao problema: 2 euros máis a hora extra en Ourense. Non están ordenando as urxencias, están pagando para que os profesionais aguanten un pouco máis", advertiu.

Torrado defendeu no Parlamento unha moción sobre a xestión dos servizos de urxencias do sistema sanitario público de Galicia na que reclamou medidas concretas para contratar, estabilizar, priorizar os centros con máis necesidades e garantir a formación dos novos especialistas.

O deputado advertiu de que a situación das urxencias "está nun momento crítico" e puxo como exemplo o caso de Ourense, despois de que o propio conselleiro de Sanidade situase alí boa parte do problema. Torrado lembrou que os profesionais dese servizo denunciaron "un grave déficit de profesionais", falaron de "remendos do Sergas" e alertaron de que se está comprometendo a calidade asistencial.

"Os profesionais de Ourense, que non asinaran o documento crítico do resto de servizos de urxencias, acabaron dicindo practicamente o mesmo: que hai un problema grave. Ese é o talento desta Consellería, poñer de acordo a todo o mundo", ironizou.

Torrado cuestionou tamén a solución anunciada pola Xunta para recorrer a 60 profesionais voluntarios doutros hospitais que farían horas extra en Ourense. Ao seu xuízo, esa fórmula non resolve nada porque non crea persoal novo nin reforza estruturalmente o servizo. "A pregunta é sinxela: van deixar descuberto un servizo para tapar outro ou só van poder acudir cando lles cadre no seu calendario?", sinalou.

O deputado socialista advertiu de que o Goberno galego está substituíndo a planificación por parches e que o sistema non pode seguir funcionando a costa de que os profesionais se deixen a pel para cubrir as carencias da Consellería. "Non se pode vivir permanentemente de que os profesionais se desdobren, fagan máis horas e acaben deslomándose para que a Xunta poida dicir que todo segue aberto", afirmou.

Na súa intervención, Julio Torrado censurou que a Xunta sexa "tan rápida e áxil" cando se trata de recortar servizos, pero "lenta e cicatera" cando toca contratar persoal. "Aínda non chegou o verán e xa están recortando. Para iso non teñen problema de axilidade. O problema aparece sempre cando hai que reforzar, estabilizar ou planificar", reprochou.

A moción socialista propoñía reforzar os equipos das urxencias hospitalarias, priorizar os centros con maior déficit, estabilizar profesionais e preparar ao Sergas para aproveitar o incremento de prazas formativas na especialidade de urxencias. Torrado advertiu de que Galicia poderá contar con máis capacidade de formación, pero iso require facer antes o traballo: dispoñer de titores, habilitar espazos e organizar os servizos para que esas prazas sexan reais e útiles.

"Se vai haber máis profesionais formándose en urxencias, a Xunta ten que poñer o sistema en condicións. Non chega con que existan prazas sobre o papel. Hai que facelas posibles", defendeu.

O deputado socialista resumiu así a proposta do PSdeG: "Contratar, estabilizar, priorizar centros e formar. Iso é o que propoñemos fronte a un Goberno que prefire negar o problema, chamar alarmistas aos demais e seguir dicindo que todo vai ben mentres os profesionais alertan do contrario".

A moción de Torrado foi rexeitada polos votos en contra do Partido Popular.

0.41655397415161