Torrado di que a Xunta bateu un récord de persoas en listaxe de espera para unha consulta, unhas 379.000

O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista denuncia que co PP no goberno hai máis xente agardando que nunca e, ademais, agarda máis tempo en cirurxía, en consultas e en probas diagnósticas
Julio-Torrado-Tiro-Libre
14 Sep 2026

O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, presentou este luns os datos oficiais de listas de agarda do Servizo Galego de Saúde e resumiu así a fotografía que deixan: "O único récord que bate o PP en sanidade é o das listas de espera. Hoxe en Galicia hai 378.749 galegos e galegas esperando por unha cita médica, e é un récord histórico".

As cifras corresponden ao 30 de decembro de 2025, o último corte publicado polo Sergas, e están colgadas na propia web do organismo. Son 20.591 persoas máis que un ano antes e 18.299 máis que seis meses antes. "Non é unha valoración nosa nin un cálculo de parte. É a web do Sergas, que fomos consultar e comprobar estes días", subliñou Torrado.
Non só espera máis xente. Espera máis tempo, e nas tres grandes categorías. A media para unha proba diagnóstica está en 97,8 días, 10,5 máis que a finais de 2024. Para unha operación, en 72,8 días, case seis máis. Para unha primeira consulta co especialista, en 62,6 días.

Torrado quixo evitar a comparación fácil dun ano co seguinte e foi máis atrás. "Comparar 2025 con 2024 pode xerar distorsións, e comparar coa pandemia non tería ningún sentido, porque naqueles anos non se lle podía pedir ao sistema un funcionamento normal. Por iso imos a decembro de 2019, o último ano prepandemia con datos". A conclusión é que en 2019 esperaba menos xente e esperaba menos tempo en calquera das categorías. Na lista cirúrxica agardaban daquela 32.750 persoas. Hoxe son preto de 50.000.

"E aínda así, os datos reais son peores"

O voceiro socialista insistiu en que a cifra oficial queda curta e explicou por que. "Se a vostede, ou a alguén da súa casa, lle din nun hospital galego 'xa lle chamaremos', vostede está esperando, pero non entra na estatística ata que ten unha data posta. Poden pasar semanas ou meses. Por iso todo o mundo neste país sabe que a lista real é maior".

O Grupo Socialista leva tempo propoñendo mudar o sistema de cómputo para que reflicta o que pasa de verdade e se poidan avaliar as políticas públicas con criterio. A proposta chocou sempre coa negativa do PP e da Xunta. "Non ten moito sentido manter un sistema que conta mal para saír mellor na comparativa. A maior parte dos países europeos computan desde o primeiro contacto", apuntou.

Torrado engadiu un apunte sobre transparencia: estes datos publícanse dúas veces ao ano, pero “estamos a mediados de setembro e aínda non se coñecen os do primeiro semestre de 2026”.

O deputado socialista dirixiuse directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para pedirlles que entren no debate. "Cada vez que presentamos un dato somos uns mentireiros, cada vez que facemos unha valoración somos uns alarmistas, e a culpa sempre acaba sendo de Pedro Sánchez. Así non se pode debater”.

"Presumimos constantemente de ter un sistema sanitario cada vez máis moderno e hai unha fascinación tecnolóxica do goberno de Rueda que inaugura máquinas coma quen toma cafés, pero cada vez hai máis xente esperando e cada vez espera máis tempo. Iso é inasumible", censurou.

Torrado pechou a comparecencia reclamando un xiro na política sanitaria. "Detrás deses 378.749 non hai un número, hai 378.749 persoas que ven que o tempo pasa, que cada vez van esperar máis e que cada vez vai haber máis xente esperando con elas. Merecen unha explicación, e merécena do goberno que dirixe o sistema. E se as cousas non van ben así, o que hai que facer é cambiar de política sanitaria".

Ceuta: "Os menores migrantes son nenos e nenas"

Preguntado pola crise de Ceuta e pola posición do Partido Popular sobre os meores migrantes, Torrado foi Claro: "Cando houbo o conflito en Ucraína, Galicia acolleu centos de nenos e nenas. E foi unha boa acción. Hai dirixentes do Partido Popular que, cando miran a Ucraína, ven nenos con necesidades, e cando miran a Ceuta ven moros. Iso é tristísimo, deleznable e asqueroso. Pero é o que pasa".

"E por iso non se alporizan cando escoitan dirixentes da outra dereita dicir que hai que cazar inmigrantes, e por iso falan de expulsalos invocando mesmo o exército, e por iso Feijóo di o que di. Porque el, en Ucraína, ve nenos, e en Ceuta ve moros. O problema é el, porque esa mentalidade é despreciable", engadiu.

O voceiro socialista precisou que non fala da maioría dos votantes nin dos simpatizantes do PP, senón "dalgúns dos seus dirixentes", e advertiu de que o conflito de Ceuta "é complexo, difícil e duro, pero non se pode afrontar con esa tara mental".

0.34487795829773