Trécola estrea a súa última produción en Pol e Monforte
Trécola Producións presentará a súa última creación Saga de Flin Havardr o día 30 de marzo as 11 da mañá no centro social de Pol cunha función escolar aberta ao público ata completar aforo. O día 31 representará a mesma obra no Edificio Multiusos de Monforte de Lemos as seis da tarde.
Esta nova obra conta a verdadeira historia da viaxe duns vikingos ata chegar á costa galega, representada por marionetas de fíos coa banda sonora orixinal e en directo de Pablo Pintor, e dirixida por Isabel Rey Pousada e Marcelino de Santiago Kukas.
Eran as sagas unha cantiga á heroicidade de grandes guerreiros vikingos fortes e valientes, que abandoaban as súas terras ermas e denostadas polo clima nórdico e zarpaban nos seus drakar para conquistar outros pobos na procura de alimentos e tesouros.
Non é o caso da Saga de Flin Havardr… un pastor que vislumbra nun sono as suas proezas como guerreiro e que xa na realidade leva a cabo unha viaxe inesperada acompañado por unha tripulación moi particular que nada ten de forte e valiente aínda que abonda en creatividade.
Conseguirán chegar a unha terra fértil e fermosa a conta da morriña dun dos seus tripulantes. Conquistarán ou serán conquistados?