Tres curtametraxes galegas entran na preselección dos Premios Goya

'El cuerpo de Cristo', de Bea Lema; 'Lucus', de David Fidalgo Omil, e 'Cara de cona', de Guillermo de Oliveira, figuran entre os 45 traballos que optan ás candidaturas da 41º edición do galardóns
curta-lucus-de-david-fidalgo
27 Oct 2026

O cinema galego conta con tres representantes na listaxe de curtametraxes preseleccionadas para a próxima edición dos Premios Goya. El cuerpo de Cristo, Lucus e Cara de cona forman parte dos 45 títulos escollidos pola Academia de Cine que aspiran a conseguir unha nominación nos premios, cuxa gala se celebrará o 6 de febreiro de 2027 en Navarra.

A selección, anunciada este martes, inclúe 15 producións en cada unha das tres categorías: animación, documental e ficción. Entre as propostas galegas, El cuerpo de Cristo, dirixida pola coruñesa Bea Lema, adapta o seu propio cómic, O corpo de Cristo. Pola súa banda, Lucus está dirixida polo lucense David Fidalgo Omil, mentres que Cara de cona leva a sinatura do realizador vigués Guillermo de Oliveira.

A presenza galega nesta fase previa complétase con Dreams for a better past, curtametraxe documental producida pola cineasta galega Diana Toucedo e dirixida por Albert Kuhn.

Na categoría de mellor curtametraxe de animación, os tres títulos galegos preseleccionados son El cuerpo de Cristo, Lucus e outras trece producións procedentes de distintos lugares. Entre elas figuran Al principi, de Ala Nunu; Anaglifo, de Valle Comba Canales; El fantasma de la quinta, de James A. Castillo, e Pinchu es así, de Carmen Córdoba González.

No apartado documental, Dreams for a better past compite con outros catorce traballos, entre os que se atopan +10K, de Gala Hernández; Abril, hoy no es invierno, de Mabel Lozano; La huella del barro, de Rodrigo Márquez, e Retales, de Juanjo Giménez Peña.

Pola súa parte, Cara de cona figura entre as quince obras preseleccionadas na categoría de ficción, xunto con títulos como Casi septiembre, de Lucía G. Romero; El regalo, de Lara Izagirre Garizurieta; Polígono X, de Néstor López, e Ser un hombre, de Lucas Parra.

A selección realizouse seguindo as bases establecidas pola Academia de Cine, que teñen en conta a cualificación das curtametraxes, o seu percorrido por festivais e os resultados obtidos nos certames seleccionadores. A inclusión nesta listaxe constitúe o paso previo á elección das obras que finalmente serán nominadas na 41ª edición dos Premios Goya.

0.45443296432495