Tres proxectos de transformación agroalimentaria e dixitalización vitivinícola reparten os premios do concurso Semente Ribeira Sacra

Unha iniciativa de deshidratación de froita, unha plataforma dixital para adegas e un proxecto de aproveitamento do bagazo de uva resultaron gañadores nun certame que xa acumula 35 galardóns e 225.000 euros repartidos desde a súa creación
Premios Semente Ribeira Sacra 2026
8 Nov 2026

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra viviu este sábado a xornada central da súa duodécima edición, coa presentación dos proxectos finalistas ante o xurado pola mañá e unha cea de gala pola noite na que se fixo entrega dos premios. Ao acto asistiron representantes das empresas e institucións que patrocinan e colaboran con este certame, que desde a súa posta en marcha repartiu 35 premios e un total de 225.000 euros, aos que se suman os cursos de formación empresarial incorporados na pasada edición grazas á colaboración de AGADER.

A Asociación Semente de Monforte, xunto coas entidades colaboradoras, trasladou a súa felicitación tanto aos proxectos premiados coma ao conxunto de iniciativas participantes, destacando o nivel das propostas presentadas e o talento amosado polas persoas emprendedoras.

Despois da experiencia obtida na edición anterior, os dez proxectos finalistas deste ano terán acceso a un plan de asesoramento técnico que se desenvolverá durante o primeiro semestre do vindeiro ano, financiado tamén por AGADER. Deste xeito, o concurso combina os premios económicos para as tres propostas mellor valoradas cun acompañamento formativo adicional.

Como novidade, esta edición amplía o recoñecemento formativo cunha praza no Executive MBA de Ef Business School na Coruña, impulsada pola Fundación Venancio Salcines, que se outorgará ao proxecto mellor clasificado do concurso. No caso de que este renuncie á praza, esta pasaría ao seguinte proxecto mellor valorado.

O primeiro premio, dotado con 10.000 euros, recaeu en ‘Azka Sakra’, un proxecto de transformación agroalimentaria centrado na deshidratación artesanal de froitas e verduras de colleita propia e de produtores locais.

O segundo premio, de 6.000 euros, foi para ‘AdegaConnect’, unha plataforma na nube pensada para pequenas adegas da Ribeira Sacra que necesitan dixitalizar a súa trazabilidade, permitindo controlar o ciclo completo “do viñedo á botella”.

O terceiro premio, dotado con 4.000 euros, correspondeu a ‘Uva Enteira’, un proxecto centrado na transformación escalable do bagazo de uva da Ribeira Sacra en produtos de alto valor engadido.

Na entrega de premios participaron a directora xeral de AGADER, Mª Paz Rodríguez, e a vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Raquel Arias. O acto foi presentado pola presidenta de Semente de Monforte, Pilar López.

Esta edición do concurso conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural e AGADER, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo (área Rural), a Deputación de Ourense e os concellos de Sober, A Pobra do Brollón, Pantón, O Saviñao e Bóveda.

1.472647190094