Tres proxectos innovadores para o rural galego gañan a TECH CREATIVE JAM celebrada en Lugo

Máis de 40 mozos e mozas de distintos puntos de Galicia participaron os días 14 e 15 de novembro na TECH CREATIVE JAM, un encontro organizado por VIDA LÁCTEA no Albergue Lug 2 de Lugo, no marco do proxecto europeo LIRES. Durante dúas xornadas, os participantes traballaron en equipo para desenvolver solucións innovadoras a diferentes retos sociais e territoriais mediante a creatividade, a tecnoloxía e a colaboración. O encontro rematou coa presentación das propostas ante un xurado e a entrega de tres premios.
O primeiro premio foi para SONOLANA, unha iniciativa que propón transformar a la de ovella sobrante en paneis acústicos sostibles. O proxecto busca reducir a contaminación acústica mediante un material natural, biodegradable e de orixe local, ao tempo que ofrece unha nova saída a un recurso infrautilizado que supón un problema para parte do sector gandeiro. O equipo recibiu como premio unha gravadora láser.
O segundo posto correspondeu a ESTOU BEN – RURAL EN RED, que presentou A.N.X.O. (Alerta de Notificación Xeral Off-Grid), un sistema de comunicación e alerta para zonas rurais con problemas de cobertura telefónica. A proposta emprega tecnoloxía LoRa e unha rede independente doutras infraestruturas para enviar avisos sobre o estado das persoas e facilitar a resposta da veciñanza ante posibles emerxencias. O premio foi un mini proxector portátil 4K.
O terceiro premio recaeu en PRETO, unha aplicación de asistencia intelixente especialmente dirixida ás familias do rural e ás persoas maiores. A ferramenta combina intelixencia artificial e realidade aumentada para conectar as persoas usuarias con especialistas e axudalas a resolver problemas cotiáns, como colocar unha lámpada ou solucionar unha avaría eléctrica. A través de voz, texto ou imaxes, identifica as necesidades e ofrece orientación sen substituír o acompañamento humano. O equipo gañou uns auriculares JBL.
As tres propostas abordan diferentes desafíos do territorio, desde o aproveitamento dos recursos locais e a economía circular ata a seguridade nas zonas rurais e o acceso aos servizos mediante a tecnoloxía. Ademais dos premios, a TECH CREATIVE JAM ofreceu á mocidade un espazo para compartir coñecementos, desenvolver competencias dixitais e converter as súas ideas en solucións con potencial de aplicación real.
A actividade forma parte de LIRES, un proxecto de cooperación transfronteiriza que promove a participación xuvenil, a innovación e a creación de oportunidades nos territorios. A iniciativa está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.