Tres videoxogos creados por mozos galegos gañan o Xuventude Crea 2026

Un equipo da Coruña consegue o primeiro premio cunha aventura ambientada na Guerra Fría, mentres que os proxectos de Cuntis e Campo Lameiro logran o segundo e o terceiro posto
A CORUÑA xuventude crea gañador videoxogo
9 Nov 2026

O talento novo galego fíxose un oco no mundo dos videoxogos cos tres proxectos premiados na modalidade de creación de videoxogos do Xuventude Crea 2026. A final, celebrada na Cidade da Cultura, recoñeceu as propostas de equipos da Coruña, Cuntis e Campo Lameiro, que acadaron o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente.

O primeiro posto foi para 'Inspector Sommers in: Ourobori an Madness', desenvolvido por un equipo da Coruña integrado por David Pazos, Laura Añel Simes, Laura Longueira, Álvaro Villanueva, Lide García, Ismael Otálora e Juan David Carballeira. O videoxogo propón unha historia ambientada na Guerra Fría, con viaxes no tempo e resolución de crebacabezas, a través de mecánicas e unha experiencia que buscan achegar elementos innovadores.

O segundo premio recaeu en 'Depths’Tale', creado por Alexandre Gosende, Regina Touceda, Fadi Abdukkader e Aarón Rey, de Cuntis. A proposta xira arredor dun pescador solitario que traballa de noite en mar aberto e destaca pola súa música, deseño sonoro e ambientación visual.

Pola súa banda, 'Chroma Tales', do equipo formado por Silvia Fernández, Diego Vilariño, Carolina Nickelle e Sara Teresa Romero, de Campo Lameiro, obtivo o terceiro galardón. O xogo conta a historia dun mago que repara vidreiras mentres procura recuperar a inspiración perdida. O xurado valorou especialmente a calma que transmite a experiencia de xogo.

Unha iniciativa consolidada entre a mocidade galega

A creación de videoxogos é unha das 15 modalidades do Xuventude Crea, un certame que chega este ano á súa décimo sétima edición e que reuniu preto de medio milleiro de participantes na convocatoria de 2026.

Os tres proxectos premiados recibirán as súas distincións nunha gala final que se celebrará unha vez rematen as finais das restantes categorías.

Desde a súa posta en marcha, o programa contou coa participación de preto de 6.000 mozos e mozas, que presentaron arredor de 4.000 obras e proxectos creativos. Ao longo da súa traxectoria repartiu preto de 700 premios, por un importe superior ao millón de euros, ademais de 89 mencións de honra.

0.55505919456482