UCIN Galicia critica á Xunta que se manteña sen servizo o helicóptero medicalizado de Santiago

Desde UCIN Galicia consideran “gravísimo” que o presidente da Xunta asegurase descoñecer que leva parado desde o pasado 30 de abril
helicoptero-061
19 May 2026

UCIN Galicia endureceu este luns as súas críticas contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras coñecerse que o helicóptero de emerxencias con base en Santiago leva 18 días fóra de servizo sen substitución, incumprindo a empresa concesionaria as obrigas do contrato.

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, denunciou que a situación “non é un feito puntual nin unha sorpresa”, senón “a consecuencia directa de meses de advertencias ignoradas pola Xunta de Galicia”.

“Levamos meses denunciando publicamente a irresponsabilidade coa que se está xestionando o servizo de helicópteros medicalizados en Galicia. Avisamos unha e outra vez da falta de garantías, dos incumprimentos da concesionaria e do risco real que isto supón para a cidadanía. A resposta da Xunta foi o silencio absoluto”, afirmou Calo.

Desde UCIN Galicia consideran “gravísimo” que o presidente da Xunta asegurase descoñecer que o helicóptero compostelán leva desaparecido desde o pasado 30 de abril.

“Ou ben o presidente vive completamente desconectado da realidade sanitaria de Galicia ou ben intenta minimizar un escándalo que xa é insostible. En ambos os casos, a situación é inaceptable”, asegurou o coordinador da formación.

UCIN Galicia lembra que a empresa concesionaria tiña a obriga contractual de habilitar un helicóptero substituto, algo que non aconteceu pese ás reiteradas denuncias realizadas nos últimos meses pola formación política.

“Non estamos falando dun fallo técnico puntual. Estamos falando dun sistema que leva demasiado tempo funcionando con precariedade, improvisación e falta de control político”, denunciou José Luis Calo.

A formación puxo como exemplo o recente operativo no accidente mortal dun menor nun centro de menores de Fisterra, no que tivo que actuar o helicóptero con base en Ourense debido á ausencia do aparato de Santiago.

“Cada vez que un helicóptero non está operativo, Galicia perde capacidade de resposta ante accidentes graves, infartos, ictus ou rescates. Isto tradúcese en máis tempo de espera e máis risco para os pacientes”, advertiu.

José Luis Calo tamén criticou a “pasividade intolerable” do Goberno galego: “Mentres UCIN leva meses alertando desta situación, a Xunta preferiu agochar o problema baixo a alfombra. Agora descubrimos que nin sequera o presidente estaba ao tanto. Isto é un síntoma evidente dun Goberno superado e desconectado das necesidades reais dos galegos”.

UCIN Galicia esixe responsabilidades políticas inmediatas, a apertura dun expediente sancionador á concesionaria e unha auditoría urxente sobre o funcionamento do servizo aéreo sanitario galego.

A formación reclama ademais a implantación de heliportos hospitalarios H24 seguros e plenamente operativos en Galicia para garantir atención aérea sanitaria continua e eficaz.

“Non se pode gobernar Galicia desde a propaganda mentres fallan servizos dos que depende a vida das persoas. O ocorrido co helicóptero de Santiago é unha auténtica vergoña institucional”, concluíu José Luis Calo.

0.46502590179443