UCIN Galicia denuncia a falta de mantemento en infraestruturas viarias e reclama responsabilidades á Xunta

UCIN Galicia expresou a súa preocupación polo estado de mantemento e prevención de incendios en determinadas infraestruturas viarias dependentes da Xunta de Galicia, entre elas o corredor AG-56 (Autovía Santiago-Noia), actualmente en obras. A formación considera que existen carencias nas tarefas de limpeza e conservación que poden incrementar o risco de incendios nun contexto marcado polas altas temperaturas e a elevada incidencia de lumes forestais.
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, advertiu de que “a falta de actuacións preventivas, limpeza de marxes e mantemento adecuado en zonas sensibles supón un risco innecesario en plena época de altas temperaturas e reiterados episodios de incendios na nosa comunidade”.
Calo sostén que as obras en execución non poden servir como xustificación para descoidar as tarefas de prevención. “Non hai escusas. Nin as obras nin os prazos poden ser unha coartada para descoidar a seguridade. A prevención de incendios e a protección da contorna deben ser unha prioridade absoluta en calquera actuación pública”, afirmou.
Desde UCIN Galicia consideran que esta situación evidencia deficiencias nas políticas preventivas da Administración autonómica. Segundo o coordinador da formación, “se as políticas de prevención fosen realmente eficaces, non veriamos determinadas contornas viarias abandonadas, sen o mantemento mínimo esixible. Isto é unha mostra clara de que a estratexia preventiva falla na súa base”.
A organización reclama ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que adopte medidas inmediatas e impulse unha revisión integral dos protocolos de mantemento e prevención en todas as infraestruturas viarias, tanto nas que están en execución como nas que xa se atopan en servizo.
UCIN Galicia conclúe demandando unha estratexia de prevención máis constante e efectiva. Neste sentido, José Luis Calo asegura que “a seguridade das persoas e a protección do territorio non poden quedar supeditadas á propaganda institucional nin á inacción administrativa”, insistindo na necesidade de reforzar as actuacións preventivas para reducir os riscos asociados aos incendios forestais.