UGT alerta do risco de colapso na sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Santiago pola falta de persoal

O sindicato denuncia que a Dirección Xeral de Xustiza non cubriu as prazas de auxilio necesarias para atender as salas de vistas e o servizo de garda
xuiz-xulgado-xustiza
15 Sep 2026

UGT-Xustiza denuncia a falta de persoal do corpo de auxilio na sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela e advirte de que a situación está a provocar atrasos xeneralizados na prestación do servizo público de Xustiza.

O sindicato asegura que, malia as reiteradas peticións para cubrir as prazas e as múltiples queixas trasladadas desde diferentes ámbitos profesionais e laborais da Administración de Xustiza, a Dirección Xeral de Xustiza continúa sen atender as necesidades de persoal do tribunal compostelán.

A organización sindical sinala como último problema a ausencia de nomeamentos de persoal do corpo de auxilio para atender as salas de vistas e, especialmente, para prestar o servizo de garda. Esta situación deixa os xulgados de Instrución de Santiago sen persoal especializado para estas funcións, coas dificultades e demoras que, segundo UGT, isto está a xerar no funcionamento diario.

UGT asegura que tanto o propio sindicato como a letrada directora do servizo levan reclamando desde hai un mes unha solución para esta falta de efectivos, sen que ata o momento se producise unha resposta por parte da Dirección Xeral de Xustiza.

O sindicato considera que a situación é especialmente grave pola incidencia que pode ter sobre a atención á cidadanía e advirte de que, se non se adopta unha solución inmediata, o servizo pode chegar ao colapso.

“Cos dereitos dos cidadáns non se xoga”, sinala UGT-Xustiza, que reclama á Dirección Xeral de Xustiza que actúe con urxencia para dotar de persoal suficiente a sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Santiago. A organización sindical insiste en que a Administración “non pode dicir que non foi avisada” ante as consecuencias que pode ter o actual déficit de efectivos.

0.40084195137024