UGT, CEG e Xunta asinan un preacordo para impulsar un plan de benestar laboral e prevención ata 2030

O documento inclúe 37 medidas e un orzamento mínimo de 18 millóns de euros para reforzar a saúde laboral, a prevención e a reincorporación saudable ao traballo
traballadores-felices-recurso
7 Aug 2026

UGT-Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Xunta de Galicia asinaron un preacordo para a posta en marcha do Plan Integral 2026-2030 de mellora da prevención, do benestar laboral e da reincorporación saudable ao traballo. O documento, froito do diálogo social desenvolvido durante os últimos meses, marca as liñas de actuación para abordar os principais retos relacionados coa saúde laboral da poboación traballadora galega.

Na elaboración do texto participaron representantes sindicais, empresariais e da Administración autonómica, así como persoal técnico e especialistas de distintos ámbitos vinculados á prevención de riscos laborais, á saúde e ao benestar no traballo.

O secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, destacou tras a sinatura que o acordo demostra a utilidade do diálogo social como ferramenta para mellorar as condicións de vida das persoas traballadoras. Segundo explicou, unha das principais achegas do sindicato foi modificar o enfoque inicial da negociación, que estaba centrado no control do absentismo laboral, para orientalo cara á protección da saúde e ao coidado das persoas.

Desde UGT defenderon durante todo o proceso que as baixas laborais non deben ser tratadas desde a sospeita, senón abordadas tendo en conta factores como a sinistralidade laboral, os riscos psicosociais, os problemas de saúde mental, os trastornos musculoesqueléticos ou as demoras na atención sanitaria. A organización sindical considera que estes son os elementos que explican boa parte das dificultades actuais relacionadas coa incapacidade temporal.

O plan parte da identificación de varios problemas estruturais, entre eles o aumento das patoloxías relacionadas co aparato musculoesquelético, os trastornos de saúde mental e os procesos oncolóxicos. Tamén sinala como condicionantes o envellecemento da poboación traballadora, o predominio das pequenas e medianas empresas no tecido produtivo galego, as demoras asistenciais e os problemas de coordinación entre os distintos organismos implicados.

O documento estrutúrase en tres grandes eixes e contempla un total de 37 medidas. O primeiro céntrase no reforzo da prevención e do benestar laboral, mediante actuacións orientadas á mellora das condicións de traballo, ao fortalecemento do ISSGA, ao impulso da negociación colectiva nesta materia e á creación de servizos de apoio psicolóxico e musculoesquelético para pemes.

O segundo eixe aborda a atención sanitaria e a xestión das situacións de incapacidade temporal, promovendo a creación de unidades especializadas en saúde mental e trastornos musculoesqueléticos, o desenvolvemento de programas de recuperación funcional, o reforzo da atención primaria e a simplificación dos trámites administrativos.

A terceira área de actuación céntrase na corresponsabilidade de todas as partes implicadas no sistema, apostando pola coordinación institucional entre administracións, mutuas e empresas, e garantindo o respecto aos dereitos das persoas traballadoras.

O plan contará cun orzamento mínimo de 18 millóns de euros para o período 2026-2030 destinado ás medidas de prevención e benestar laboral. Pola súa parte, as actuacións sanitarias previstas financiaranse a través dos programas do Sergas. Ademais, crearase unha mesa galega permanente de coordinación operativa, unha comisión tripartita de seguimento e un observatorio galego de benestar laboral e incapacidade temporal.

A pesar da sinatura, o documento aínda deberá completar o proceso de ratificación nos órganos internos de UGT e continuar a negociación para concretar as dotacións orzamentarias previstas a partir de 2027. O sindicato avanzou que manterá unha vixilancia constante sobre o cumprimento dos compromisos adquiridos e reiterou a súa aposta polo diálogo e os acordos como vía para mellorar as condicións laborais e sociais da clase traballadora galega.

0.32335901260376