UGT denuncia que a adxudicataria do SAF de Santiago non pagará as nóminas de setembro e o Concello anuncia sancións

O sindicato reclama unha solución inmediata mentres o Goberno municipal asegura que está ao día no pagamento das facturas e advirte de que recorrerá incluso á vía xudicial contra a UTE SIAD24-Asistenzia
maiores-recurso
30 Sep 2026

UGT Servizos Públicos denunciou un novo episodio de incerteza para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Santiago de Compostela despois de que a UTE adxudicataria, formada por SIAD24 e Asistenzia, comunicase ao persoal a súa intención de non aboar as nóminas correspondentes ao mes de setembro.

O sindicato considera que a situación se está repetindo "con demasiada frecuencia" e reclama ao Concello de Santiago que interveña de inmediato para evitar que as traballadoras e as persoas usuarias do servizo continúen sendo as prexudicadas polo conflito entre a Administración e a empresa concesionaria.

UGT sostén que as profesionais do SAF teñen dereito a percibir puntualmente os seus salarios e que as persoas usuarias deben recibir un servizo "digno e de calidade". A organización advirte ademais de que non se pode normalizar o impago de salarios nin o deterioro das condicións laborais nun servizo dirixido a persoas especialmente vulnerables.

"Non estamos falando dunha cuestión puntual: estamos ante un problema que se repite e que está a xerar unha situación de abandono absoluto das traballadoras e un deterioro dun servizo esencial para persoas que necesitan atención todos os días", sinala o sindicato.

Desde UGT consideran "inadmisible" que as consecuencias da disputa entre a empresa e o Concello recaian sobre as traballadoras e as persoas usuarias. "Non pode haber unha guerra entre empresa e Concello que teña como vítimas ás traballadoras e ás persoas usuarias. O Concello ten que garantir que un servizo esencial funcione e que quen o presta cobre polo seu traballo", reclama a organización.

O Concello asegura que está ao día cos pagamentos

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, asegurou pola súa parte que o Concello utilizará "todas as ferramentas" previstas na lexislación e no contrato do SAF fronte ao que cualificou de actitude "irresponsable e inaceptable" da UTE SIAD24-Asistenzia.

Rozas explicou en rolda de prensa que o Concello coñeceu a situación a través das traballadoras e non mediante unha comunicación oficial da empresa. Segundo indicou, é "rotundamente falso" que o atraso no pagamento dos salarios sexa responsabilidade municipal e asegurou que o Concello está ao día no aboamento das súas facturas á adxudicataria.

A concelleira precisou que a única factura pendente de pagamento nestes momentos é a correspondente ao mes de agosto, rexistrada pola UTE o pasado 17 de setembro, malia que, segundo sinalou, tiña a obriga de presentala antes do día 10. Ademais, explicou que o Concello realizou varios requirimentos a SIAD24-Asistenzia para que acredite que está ao día no pagamento dos salarios, unha obriga que figura nos pregos de licitación e que debe cumprirse antes do aboamento das facturas.

Rozas lembrou tamén que a empresa ten pendente desde o pasado 15 de xuño o aboamento da paga extraordinaria de verán.

A responsable municipal rexeitou así mesmo que as supostas dificultades de liquidez alegadas pola UTE estean relacionadas cos pagamentos do Concello. Explicou que a adxudicataria traballa mediante a fórmula do factoring, pola que os dereitos de cobro das facturas pendentes se ceden a unha entidade financeira que adianta á empresa parte do seu importe.

Segundo Rozas, "o Concello a quen lle abona as facturas é a unha entidade financeira que xa lle ten adiantado o importe á UTE", polo que, ao seu xuízo, non estaría xustificado atribuír o impago das nóminas a atrasos municipais.

A concelleira tamén puxo o foco na dimensión empresarial da UTE, formada por SIAD24 e Asistenzia, e sinalou que ambas as compañías "facturan ducias de millóns de euros cada ano", contan con contratos en distintos puntos de Galicia e asumiron novas adxudicacións durante este mesmo ano.

Expedientes sancionadores e posible vía xudicial

Ante os incumprimentos denunciados, o Concello asegura que xa está actuando mediante os mecanismos previstos no contrato. Rozas informou de que está tramitado un expediente sancionador polo atraso no aboamento da paga extraordinaria, que proximamente será aprobado pola Xunta de Goberno, e que tamén están en marcha outros expedientes para impoñer penalidades por incumprimentos contractuais.

A concelleira non descartou recorrer aos tribunais para garantir os dereitos das traballadoras e a prestación do servizo. "Ao Concello non lle vai tremer o pulso para iniciar outras accións, mesmo na vía xudicial", afirmou, aínda que recoñeceu que esta vía "non é a solución máis rápida" debido aos prazos xudiciais.

Rozas asegurou que o Goberno municipal non permitirá que a UTE manteña este tipo de actuacións e defendeu que a prioridade do Concello son tanto as persoas usuarias como as traballadoras do SAF.

Neste sentido, lembrou que nas últimas semanas se celebraron distintas reunións coa empresa, o comité de empresa e as traballadoras, algunhas delas a tres bandas, nas que, segundo explicou, tería quedado constancia de que a responsabilidade da situación corresponde á adxudicataria e non ao Concello.

A concelleira tamén negou que o contrato se atope nunha situación de prórroga forzosa. Segundo indicou, trátase dunha prórroga de obrigado cumprimento contemplada no contrato asinado por SIAD24-Asistenzia e que nin sequera se tería esgotado aínda o prazo dun ano previsto.

Un servizo con máis orzamento

Rozas defendeu ademais o incremento dos recursos destinados polo Concello ao SAF. Segundo lembrou, na licitación de 2024 o orzamento do servizo aumentou un 73 %, mentres que na nova licitación actualmente en marcha a partida se incrementou outro 14 %, ata alcanzar os 7,2 millóns de euros.

"Non dedicamos máis orzamento público ao Servizo de Axuda no Fogar para que se enriquezan as empresas, senón para ter o mellor servizo para as usuarias e as mellores condicións laborais para as traballadoras", afirmou.

UGT, pola súa parte, insiste en que as traballadoras non poden continuar "pagando os pratos rotos" da falta de solucións e reclama medidas inmediatas para garantir o cobro dos salarios e o correcto funcionamento do servizo.

0.33570313453674