UGT e CCOO chaman a mobilizarse este Primeiro de Maio en Galicia baixo o lema “Dereitos, non trincheiras”

UGT-Galicia e CCOO de Galicia chaman á cidadanía galega a participar nas mobilizacións convocadas para este Primeiro de Maio, que se celebrará baixo o lema “Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia”.
O acto central terá lugar na Coruña, cunha manifestación que partirá da Praza da Palloza ás 12.00 horas e na que participarán a secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros.
Chamamento nun contexto “decisivo”
Ambos sindicatos subliñan que este Primeiro de Maio chega nun momento clave, no que están en xogo tanto as condicións de vida da clase traballadora como a propia calidade democrática.
Neste contexto, fan un chamamento a responder “con máis dereitos, máis cohesión social e máis democracia” fronte a quen promoven o enfrontamento e o levantamento de “trincheiras”.
Tamén sitúan esta xornada reivindicativa nun escenario internacional marcado pola inestabilidade e os conflitos, polo que apelan a converter as mobilizacións nun berro polo fin das guerras e na defensa dos dereitos humanos.
Reivindicacións sociais e laborais
Entre as principais demandas deste Primeiro de Maio, UGT e CCOO destacan:
Garantir o acceso a unha vivenda digna
Mellorar a seguridade e saúde laboral
Reformar o despedimento para aumentar a protección das persoas traballadoras
Regular o tempo parcial para combater a precariedade
Incrementar os salarios
Reducir a xornada laboral
Reforzar a negociación colectiva
Blindar os servizos públicos
Impulsar unha transición ecolóxica xusta
Defender a igualdade e a diversidade
Os sindicatos lembran que “os dereitos non se regalan, conquístanse” e advirten do avance de correntes políticas que, ao seu xuízo, poñen en risco dereitos fundamentais e a convivencia democrática.
Mobilizacións en toda Galicia
As manifestacións desenvolveranse en diferentes cidades galegas ao longo da xornada:
A Coruña: 12.00 h, Praza da Palloza ata Praza Ourense (manifestación central)
Ferrol: 12.00 h, Praza do Inferniño ata Praza de Armas
Santiago de Compostela: 12.00 h, Alameda ata Praza da Quintana
Viveiro: 11.00 h, Praza Maior ata Praza da Herba
Ourense: 12.00 h, Subdelegación do Goberno ata Praza das Damas
Vigo: 12.00 h, rotonda do Barco (Coia) ata Castrelos
Pontevedra: 11.00 h, Praza da Ferrería ata Praza da Pedreira
Vilagarcía de Arousa: 12.00 h, diante do Concello
Ademais das marchas, nalgúns puntos organizaranse actividades complementarias como encontros ou festas populares.