UGT Galicia defende que as baixas laborais deben abordarse con máis prevención e reforzo da sanidade pública

UGT Galicia participou onte na sétima reunión da Mesa de Diálogo Social sobre a xestión das baixas laborais, un encontro no que a organización sindical reiterou a necesidade de abordar o incremento das incapacidades temporais desde a prevención e a mellora das condicións de traballo, afastándose de discursos que cuestionen ás persoas traballadoras.
A reunión contou coa participación de Patricia Ruiz en representación confederal de UGT. Ao remate do encontro, o sindicato insistiu en introducir “rigor e responsabilidade” no debate público arredor do absentismo laboral e subliñou que “o absentismo non é un cancro”. Pola contra, sostén que “o que enferma ás persoas traballadoras é a falta de prevención, a sobrecarga de traballo, os riscos psicosociais, as listas de espera e o progresivo deterioro da sanidade pública”.
Segundo explica a organización, tras sete reunións da Mesa de Diálogo Social, a conclusión é clara: “as baixas laborais non se reducen cuestionando ás persoas que enferman nin xerando sospeitas sobre quen se atopa en incapacidade temporal”. Para UGT, a solución pasa por actuar sobre as causas que provocan estas situacións, mellorando as condicións laborais, reforzando a prevención de riscos, investindo en saúde laboral e dotando de máis recursos ao sistema sanitario público.
Neste contexto, o sindicato tamén se referiu ás recentes declaracións do presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, e considerou que “non deberían desviar o foco do verdadeiro debate”. UGT sostén que “o problema non son as persoas traballadoras que enferman; o problema é por que enferman e que estamos facendo como sociedade para evitalo”.
A central sindical destacou ademais que leva meses defendendo esta mesma posición no seo da Mesa de Diálogo Social e lembrou que actualmente é “o único sindicato que continúa participando” neste foro. UGT asegura que mantén a súa presenza porque considera que “os dereitos das persoas traballadoras deféndense negociando, facendo propostas e influíndo nas decisións, non desde a confrontación permanente nin desde a ausencia”.
Por último, a organización reafirmou o seu compromiso co diálogo social como ferramenta para evitar retrocesos, construír consensos e impulsar medidas eficaces. Neste sentido, avanzou que continuará defendendo unha estratexia baseada “na prevención, no reforzo da sanidade pública, na redución da sinistralidade laboral e na mellora das condicións de traballo”, ao entender que esa é “a única forma seria de reducir as baixas laborais sen recortar dereitos”.