UGT Galicia destaca o cambio de enfoque do Plan Integral de Saúde Laboral e reclama medidas reais

Para o sindicato, unha das claves do debate é que “non se pode pedir que unha persoa deixe de estar de baixa se antes non se resolve o problema que a levou a enfermar”
enfermo-enfermedad
3 Oct 2026

UGT Galicia valora a aprobación polo Consello da Xunta do Plan Integral para a Mellora da Prevención, o Benestar Laboral e a Reincorporación Saudable ao Traballo, un documento que contempla 37 medidas e compromete 45 millóns de euros. O sindicato considera especialmente relevante o cambio de enfoque acadado durante a negociación, ao pasar dunha perspectiva centrada no absentismo a outra baseada na prevención, o coidado e a recuperación das persoas traballadoras.

A organización sindical sostén que o obxectivo dunha política de saúde laboral non debe limitarse a contabilizar o número de persoas que están de baixa, senón a reducir o número de persoas que enferman como consecuencia do seu traballo e garantir que aquelas que padecen unha enfermidade reciban unha atención adecuada e poidan recuperarse en condicións seguras.

UGT explica que participou na negociación co propósito de modificar o enfoque inicial, que considera excesivamente centrado no absentismo, e orientalo cara á responsabilidade coas persoas traballadoras galegas. Segundo o sindicato, a súa participación permitiu incorporar ao documento cuestións que considera fundamentais e que durante anos permaneceron nun segundo plano.

Entre elas figuran a prevención nas empresas, os riscos psicosociais, os trastornos musculoesqueléticos, a saúde mental, as condicións de traballo e as demoras na atención sanitaria que poden prolongar innecesariamente os procesos de incapacidade temporal.

O Plan contempla medidas de prevención e benestar laboral, o reforzo do ISSGA, melloras na atención sanitaria, actuacións específicas en materia de saúde mental e patoloxías musculoesqueléticas, así como a adaptación dos postos de traballo e mecanismos destinados a favorecer unha reincorporación segura e evitar recaídas.

Para UGT-Galicia, unha das claves do debate é que “non se pode pedir que unha persoa deixe de estar de baixa se antes non se resolve o problema que a levou a enfermar”. Neste sentido, o sindicato considera que non abonda con poñer o foco no número de baixas se non se actúa sobre as causas que as provocan.

A organización pon como exemplos unha lesión que tarda meses en ser atendida, un problema de saúde mental que non recibe unha resposta suficiente ou o caso dunha persoa que regresa ao mesmo posto e ás mesmas condicións que contribuíron á súa enfermidade. Para UGT, estas situacións non deben abordarse como un problema de absentismo, senón como cuestións de saúde laboral.

O sindicato advirte tamén de que o traballo non remata coa aprobación do Plan e anuncia que permanecerá vixiante para comprobar que os 45 millóns de euros comprometidos se converten en persoal, medios, prevención, atención sanitaria e actuacións reais. UGT reclama ademais transparencia na avaliación das medidas e que os recursos teñan o correspondente reflexo nos Orzamentos da Xunta de Galicia.

A organización sindical subliña que non abonda con aprobar o documento nin con anunciar unha dotación económica, senón que os recursos deben quedar efectivamente consignados nos Orzamentos e posteriormente ser executados. UGT asegura que comprobará que os compromisos económicos se incorporan ás contas públicas e que os recursos chegan ás medidas para as que foron comprometidos.

No ámbito da negociación, UGT considera necesario aclarar que o proceso non contou coa participación de todas as organizacións sindicais, xa que outras centrais optaron por non participar. O sindicato decidiu facelo, presentar propostas e tratar de modificar o contido inicial. A organización afirma que respecta as discrepancias, pero reivindica a utilidade da negociación colectiva e do diálogo social para acadar avances concretos.

“Negociar non significa renunciar ás reivindicacións. Significa intentar que as reivindicacións se convertan en medidas, recursos e dereitos concretos para as persoas traballadoras”, sinala UGT.

Finalmente, o sindicato defende que a saúde laboral debe mellorarse actuando antes de que apareza a enfermidade, mellorando as condicións de traballo e garantindo unha atención sanitaria adecuada, en lugar de responsabilizar as persoas que están de baixa.

En definitiva, UGT-Galicia aposta por “máis e mellor atención sanitaria, máis coidado e por unha recuperación con dereitos”.

0.39431715011597