UGT-Galicia sitúa a vivenda como emerxencia social e reclama abordar o seu impacto

O Comité Nacional aproba unha resolución de apoio ao persoal do comercio de alimentación da Coruña e rexeita a criminalización das baixas laborais, reclamando medidas sobre prevención e saúde laboral
reunion-comite-general-ugt-galicia
23 Jun 2026

O Comité Nacional de UGT-Galicia, máximo órgano de dirección do sindicato entre congresos, reuniuse este luns na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela para analizar a situación social e laboral actual, definir as prioridades da organización para os vindeiros meses e establecer as liñas de actuación interna.

Durante o encontro, no que participaron a Comisión Executiva de UGT-Galicia e representantes das unións comarcais e federacións de nacionalidade, aprobouse unha resolución de urxencia en apoio ás traballadoras e traballadores do comercio de alimentación da Coruña, que manteñen aberto un conflito laboral para reclamar melloras nas súas condicións de traballo e salariais.

No plano internacional, o sindicato expresou a súa preocupación polos conflitos bélicos que continúan activos en distintos puntos do mundo e reafirmou o seu compromiso coa paz, os dereitos humanos e o respecto ao dereito internacional. Neste contexto, instou á Unión Europea a actuar con maior firmeza e coherencia ante os desafíos globais.

Respecto ao proxecto europeo, UGT-Galicia defendeu o reforzo das políticas industriais, a soberanía enerxética, a autonomía estratéxica e o fortalecemento dos servizos públicos. No ámbito estatal, o sindicato considerou que o clima de confrontación política está a desviar a atención dos principais problemas da cidadanía, reclamando o cumprimento íntegro dos compromisos sociais e laborais adquiridos e a continuidade das políticas orientadas á mellora das condicións de vida da clase traballadora.

Un dos asuntos centrais abordados polo Comité foi a problemática da vivenda. A organización sindical considera que o acceso á vivenda se converteu nunha auténtica emerxencia social para a clase traballadora e reclama á Xunta de Galicia e aos concellos a adopción de medidas estruturais que permitan ampliar o parque público, intervir nos mercados tensionados, limitar a especulación e garantir o acceso efectivo a este dereito básico.

O sindicato tamén apostou por reforzar o papel da negociación colectiva como ferramenta para redistribuír riqueza e mellorar as condicións laborais. Neste sentido, defendeu avances en materia salarial, cláusulas de revisión, redución da xornada laboral e a incorporación de novos elementos de negociación como o impacto do custo da vivenda, a regulación da dixitalización e da intelixencia artificial e a protección fronte ás novas formas de precariedade.

No que respecta á situación de Galicia, UGT valorou positivamente a evolución do emprego, aínda que advertiu sobre problemas estruturais como o envellecemento demográfico, a perda de poboación, a precariedade laboral e as dificultades da mocidade para desenvolver proxectos de vida estables.

A saúde laboral ocupou tamén un lugar destacado nos debates do Comité. UGT-Galicia mostrou a súa preocupación polos elevados índices de sinistralidade laboral e polas deficiencias detectadas en materia de prevención. Ademais, rexeitou de forma contundente os discursos que cuestionan o incremento das baixas laborais responsabilizando ás persoas traballadoras.

A organización sindical considera que o debate debe centrarse nas causas reais desta situación, como as condicións de traballo, as insuficientes medidas preventivas ou as carencias existentes no sistema sanitario. Por este motivo, reiterou a súa aposta polo diálogo social como vía para buscar solucións, establecendo como liñas vermellas a defensa dos dereitos laborais e o rexeitamento de calquera intento de criminalización das traballadoras e traballadores.

Entre as propostas defendidas por UGT-Galicia figuran o reforzo das políticas de prevención de riscos laborais, o incremento dos recursos da Inspección de Traballo e o fortalecemento dos servizos públicos, especialmente os sanitarios.

O Comité concluíu reafirmando o compromiso do sindicato co diálogo social como instrumento fundamental para impulsar políticas de emprego, reindustrialización, transición ecolóxica xusta, fortalecemento dos servizos públicos e desenvolvemento económico e social, co obxectivo de garantir a cohesión social e territorial de Galicia.

0.26828479766846