Últimos días para participar na xornada sobre diagnose e estratexia cultural da Deputación de A Coruña

A sesión celebrarase este xoves 4 de xuño na Casa das Máquinas, en Santiago, e está dirixida a persoal técnico, cargos públicos, axentes culturais e comunidades locais da provincia
DIPU CORU obradoiro xuño
31 May 2026

A Deputación da Coruña mantén abertas as inscricións para a xornada 'Diagnose e estratexia cultural', que se celebrará este xoves 4 de xuño na Casa das Máquinas, en Santiago de Compostela. A actividade desenvolverase en horario de mañá e forma parte do programa formativo vinculado ao 'Manual para políticas culturais locais'.

A sesión está pensada como un espazo de traballo para persoal técnico, cargos públicos, axentes culturais e comunidades locais da provincia. O obxectivo é ofrecer ferramentas útiles para analizar a realidade cultural de cada territorio, identificar recursos e necesidades e avanzar na definición de estratexias que reforcen as políticas culturais municipais.

O obradoiro estará coordinado por Adela Vázquez e Fran Quiroga, responsables da publicación editada pola área de Cultura da Deputación. O manual naceu como unha guía práctica para acompañar os concellos no deseño de políticas culturais máis transformadoras, adaptadas ao contexto local e vinculadas á participación social.

Durante a xornada abordaranse cuestións como a diagnose cultural, a identificación de axentes, a detección de retos e a planificación de liñas de actuación. A proposta busca tamén favorecer o intercambio de experiencias entre profesionais, representantes municipais e persoas vinculadas ao tecido cultural da provincia.

As persoas interesadas aínda poden formalizar a súa inscrición a través da web aculturaeundereito.gal. Esta será a segunda e derradeira sesión do programa formativo impulsado arredor do manual.

0.31360292434692