Últimos días para solicitar as axudas da Deputación de Pontevedra por 700.000 € para confrarías e cooperativas

A Deputación de Pontevedra lembra que están nos últimos días para solicitar as axudas por valor de 700.000 euros destinadas ás confrarías de pescadores e ás cooperativas agrogandeiras da provincia. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 4 de maio.
350.000 € para o sector do mar
Unha das liñas de subvencións está dirixida ás confrarías de pescadores, federacións e agrupacións de mariscadoras, que poderán optar a un total de 350.000 euros.
Estas axudas permitirán financiar tanto investimentos como gasto corrente. En concreto, 100.000 euros destinaranse a investimentos como material de vixilancia, equipos informáticos, mobiliario ou formación, mentres que 250.000 euros irán destinados a cubrir gastos como combustible, electricidade, adquisición de semente ou custos de persoal.
Cada entidade poderá recibir ata un máximo de 20.000 euros, sempre que non supere o 80 % do orzamento da actuación.
Outros 350.000 € para cooperativas agrogandeiras
A segunda liña de axudas, tamén dotada con 350.000 euros, está destinada ás cooperativas agrogandeiras da provincia.
Neste caso, as subvencións están orientadas a mellorar os servizos, a comercialización e a transformación das producións, así como a impulsar a formación técnica, o asesoramento e o uso de novas tecnoloxías e enerxías renovables.
A contía máxima por entidade ascende a 45.500 euros, cun límite do 65 % do orzamento total do proxecto.
Apoio aos sectores produtivos
Estas axudas forman parte da estratexia da Deputación para reforzar sectores clave da economía provincial, especialmente nun contexto no que o marisqueo afronta dificultades pola elevada mortalidade do marisco.
As bases completas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.