Un equipo da USC investiga en Sudáfrica a orixe das enfermidades en evolución humana

O equipo liderado polo investigador da USC e o CISPAC Edgard Camarós iniciou unha nova liña de investigación en Suráfrica centrada na análise paleopatolóxica de fósiles de homininos. O investigador realizou durante este mes de xullo unha primeira estadía na Universidade de Witwatersrand (Johannesburgo), mentres que o resto do equipo incorporarase en febreiro de 2027 para continuar co desenvolvemento do proxecto.
A investigación lévase a cabo na colección de fósiles de homininos desta institución, unha das máis importantes do mundo, que conserva materiais procedentes da “Cuna de la Humanidad”, enclave declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO. O proxecto conta, ademais, coa colaboración de persoal investigador da Universidade de La Trobe (Victoria, Australia).
O obxectivo desta nova liña de investigación é comprender como a interacción entre os homininos e a enfermidade durante os últimos dous millóns de anos puido influír na evolución humana. Mediante o estudo das alteracións patolóxicas conservadas no rexistro fósil, o equipo procura reconstruír os procesos de saúde, enfermidade e coidados que acompañaron os nosos antepasados e comprender o seu papel na evolución da nosa especie.
A iniciativa súmase ás investigacións que o equipo desenvolve no este de África, especialmente en Kenia, en colaboración coa Universidade de Cambridge (Inglaterra). No seu conxunto, estas accións consolidan a paleopatoloxía como unha disciplina clave para comprender as nosas orixes e reforzan a proxección internacional da investigación desenvolvida pola USC.
Este novo estudo enmárcase no proxecto do Plan Nacional Fronteras de la enfermedad en el pasado: Avances metodológicos y desarrollos experimentales para la comprensión de las patologías, la salud y los cuidados en evolución humana – PaleoPaths (PID2023-149059NA-I00).