Un estudo da USC descubre un novo mecanismo do único fármaco aprobado contra a fibrose hepática asociada á MASLD

Investigadoras do grupo de Metabolismo Molecular da Universidade de Santiago de Compostela (USC), liderado por Rubén Nogueiras desde o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), identificaron novas posibilidades terapéuticas do Resmetirom, o único medicamento aprobado actualmente para tratar a fibrose hepática asociada á enfermidade hepática esteatósica vinculada á disfunción metabólica (MASLD).
A MASLD afecta entre o 25 e o 30 % da poboación mundial e constitúe unha das principais causas de enfermidade hepática crónica. A súa forma máis grave provoca inflamación do fígado e a acumulación progresiva de fibroses, que poden derivar en danos irreversibles, cirrose, insuficiencia hepática ou cancro de fígado.
O estudo, publicado na revista científica MedComm, demostra que o Resmetirom non só actúa sobre os hepatocitos favorecendo a redución da graxa acumulada no fígado, como se pensaba ata agora, senón que tamén intervén directamente sobre as células estreladas hepáticas, principais responsables da formación das cicatrices asociadas á fibrose.
A investigadora do CiMUS e primeira autora do traballo, Eva Novoa, explica que os resultados obtidos mostran que o fármaco reduce a activación destas células e a súa capacidade para producir fibrose. Pola súa banda, Alba Cabaleiro, co-primeira autora do estudo, sinala que o descubrimento permite comprender mellor como o tratamento consegue mellorar ao mesmo tempo as alteracións metabólicas e a fibrose nos pacientes con MASLD.
A investigación permitiu identificar tamén o mecanismo molecular responsable deste efecto. Os científicos comprobaron que a acción antifibrótica do Resmetirom depende da activación do receptor da hormona tiroidea alfa (THRα), predominante nas células estreladas hepáticas, e da encima FAAH. Cando algún destes dous compoñentes é bloqueado de forma experimental, o medicamento perde gran parte da súa capacidade para frear a activación das células que producen fibrose.
Os resultados revelan ademais que o fármaco actúa mediante un dobre mecanismo. Mentres nos hepatocitos reduce a acumulación de graxa a través do receptor THRβ, nas células estreladas hepáticas limita directamente o desenvolvemento da fibrose mediante a vía THRα-FAAH. Segundo os investigadores, este achado contribúe a explicar mellor a eficacia clínica observada co tratamento e abre a porta ao desenvolvemento de novas terapias específicas contra a fibrose hepática.
O traballo contou coa colaboración de investigadores do CiMUS da USC, do CIBER de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBEROBN), do CIBER de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas (CIBERehd), do CIC bioGUNE, do IDIBAPS, así como das universidades de Lille, en Francia, e Lübeck, en Alemaña.