Un estudo internacional sinala o músculo esquelético como peza clave na adaptación ao frío

O Journal of Sport and Health Science (factor de impacto: 13.1, D1) publica un traballo no que participou o investigador do IDIS, Roberto Díaz Peña. O líder do grupo Inmunoxenética forma parte do equipo liderado desde o Murdoch Children’s Research Institute de Melbourne no que, ademais do investigador do IDIS, colaborou persoal do Instituto Karolinska, da Universidade de Yale, do Wellcome Sanger Institute e da Universidade Europea de Madrid, entre outros centros.
Roberto Díaz Peña destaca que se trata dun traballo «de varios anos que por fin ve a luz» baixo o título α-Actinin-3 deficiency protects skeletal muscle function from the effects of acute cold exposure. O traballo centrouse en estudar as persoas que carecen da proteína muscular α-actinina-3 por unha variante xenética común.
«Arredor do 16 % da poboación mundial, uns 1.500 millóns de persoas, carecen dela», explica o investigador do IDIS. Sabiase que esa carencia penaliza o rendemento en esforzos explosivos, de aí que o xenotipo responsable desta deficiencia (coñecido como ACTN3 577XX) estea fortemente infrarrepresentado na elite mundial de disciplinas de potencia e velocidade pura. En contraste, numerosos estudos describiron unha sobrerepresentación deste mesmo perfil xenético en fondistas de alto nivel, asociando a falta da proteína a unha maior capacidade oxidativa das fibras musculares e a unha superior economía do esforzo.
«Neste traballo estudamos que lle ocorre a ese músculo cando se expón ao frío», explica o investigador. «Empregando un modelo de rato modificado xeneticamente para que carecese de α-actinina-3, comprobamos que a deficiencia protexe o músculo: resiste mellor a exposición aguda a baixas temperaturas, perde menos masa muscular e soporta mellor a fatiga, grazas a un metabolismo máis oxidativo e a unha resposta termoxénica máis eficiente. Varios destes trazos confirmáronse tamén en biopsias musculares de persoas co xenotipo 577XX», detalla Roberto Díaz.
En conxunto, o traballo ofrece unha explicación molecular sólida de por que a perda da α-actinina-3 puido supoñer unha vantaxe cando os nosos antepasados migraron cara a climas máis fríos, e reforza o papel fundamental que desempeña o músculo esquelético na regulación da temperatura e do metabolismo corporal.