Un estudo pioneiro da USC e o CSIC analiza como responden as aves ao primeiro megaincendio rexistrado en Galicia

Un equipo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) publicou na revista Fire Ecology un estudo pioneiro que analiza a resposta das comunidades de aves ao megaincendio rexistrado na Serra do Courel (Lugo) no verán de 2022, cando arderon 12.768 hectáreas en apenas dúas semanas tras unha tormenta eléctrica seca.
O traballo céntrase na primeira tempada de cría posterior ao incendio, unha fase considerada clave para avaliar a recuperación ecolóxica. Os resultados indican que a severidade do lume foi o principal factor determinante para as aves: canto maior foi a intensidade do incendio, menor foi a riqueza de especies, a abundancia de individuos e o impacto global sobre os distintos grupos de aves estudados.
Con todo, a investigación sinala que os incendios que xeran un mosaico de áreas queimadas con distintos graos de afectación favorecen unha maior diversidade de especies. Segundo explica Fernando García, investigador da USC e da MBG-CSIC e primeiro autor do estudo, “os incendios que queiman de forma heteroxénea crean unha variedade de microhábitats que permite a coexistencia de especies con necesidades ecolóxicas moi diferentes”.
O estudo baséase no rexistro de 2.928 aves de 56 especies, observadas en 215 puntos de mostraxe dentro e fóra da zona afectada.
O traballo tamén analiza o contexto ambiental da Serra do Courel, unha zona que perdeu arredor do 75% da súa poboación desde 1970 e o 85% da súa cabana gandeira, o que provocou cambios profundos na paisaxe e un aumento da vexetación e da continuidade do combustible forestal. A isto súmanse os efectos do cambio climático, con veráns máis secos e cálidos que favorecen a propagación de grandes incendios.
Un dos achados máis relevantes sinala o valor ecolóxico das árbores carbonizadas que permanecen en pé tras o lume, que funcionan como refuxio, puntos de alimentación e lugares de nidificación para numerosas especies. A súa retirada sistemática, habitual en tarefas de saneamento forestal, podería ter un impacto negativo nas comunidades de aves forestais.
O estudo tamén detecta un efecto positivo para determinadas especies de espazos abertos, como a pica campestre ou a curuxeira común, que aparecen nas zonas queimadas ao xerar o lume áreas despexadas que antes non existían pola densidade da vexetación. Estas especies, ligadas a ambientes agrícolas tradicionais, atópanse entre as máis afectadas polo abandono rural en Europa.
Os investigadores subliñan ademais que a resposta das aves non depende só do incendio, senón do estado previo do ecosistema. As zonas non queimadas actuaron como refuxio e como punto de recolonización, o que evidencia que a recuperación non comeza desde cero tras o lume. “A súa recuperación está condicionada pola historia do territorio”, sinala Fernando García.
O equipo investigador, que xa empregara as aves como bioindicadores noutros estudos sobre plantacións forestais, continuará o seguimento a longo prazo para avaliar a evolución das comunidades tras o incendio.