Un estudo pioneiro para tratar a enfermidade de Crohn realizado en Santiago gaña o Best Abstract Presentation Prize na UEG Week

O doutor Manuel Barreiro presentou o traballo no congreso da United European Gastroenterology (UEG) celebrado en Barcelona do 17 ao 20 de outubro
doutor-manuel-barreiro-acosta-crohn
22 Oct 2026

O doutor Manuel Barreiro de Acosta, do grupo Investigación Translacional en Enfermidades do Aparello Dixestivo do IDIS, participou na UEG Week, o congreso multidisciplinar de gastroenterología líder a nivel mundial que celebrou a United European Gastroenterology (UEG) do 17 ao 20 de outubro.

Barreiro presentou A phase 2a study to evaluate safety, pharmacok and clinical efficacy of oral treatment with MBF-118 in patient with fibrostenosing Crohn´s Disease, polo que recibiu o Best Abstract Presentation Prize. O ensaio clínico avalía a seguridade e eficacia preliminar dun innovador tratamento oral para tratar unha complicación grave da enfermidade de Crohn, caracterizada pola cicatrización excesiva e estreitamento do intestino.

“É unha honra inesperada recibir este premio ante ensaios multicéntricos de grandes farmas”, asegura este especialista de Acosta, á vez que destaca que “nun sitio como Santiago sexamos capaces de realizar un estudo fase IIa dun fármaco que non se realizara previamente nun grupo de pacientes para os que non existe terapia aprobada, a fibrosis estenosis do Crohn”.

“Trátase dun estudo ensaio clínico realizado exclusivamente no IDIS e no CHUS, no que se comprobaba a todos os pacientes pre e post tratamento, cunha colonoscopia con biopsia e unha ecografía intestinal que realizabamos na unidade de enfermidade inflamatoria. É preciso sinalar que a incorporación da ecografía para estes pacientes é algo novidoso”, destaca o investigador, que é tamén xefe de Sección de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do Servizo de Aparello Dixestivo do CHUS e profesor asociado da USC.

“Avaliamos a eficacia dun Agonista PPARgamma oral de liberación intestinal e nos 10 pacientes comprobamos diminución da dor e melloría da fibrose-estenose no 50 % dos mesmos”, engade o Dr. Barreiro.

Máis de 360.000 persoas sofren enfermidade inflamatoria intestinal (EII) en España, o 1 % da poboación. Unha porcentaxe que se eleva en Galicia, que figura entre as comunidades con maior afectación. En áreas como Santiago e Barbanza, a Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do CHUS que dirixe Barreiro atende máis de 3.000 pacientes, o que mostra a necesidade de dispor de opcións que permitan personalizar o tratamento e evitar a progresión da enfermidade.

0.33081912994385