Un estudo vincula a erupción do volcán da Palma con problemas respiratorios continuados

Cinco anos despois da erupción do Volcán Tajogaite da Illa da Palma, un equipo de investigación liderado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Alberto Ruano Raviña, constata que por primeira vez hai aparición de nova patoloxía respiratoria nalgunhas persoas, non reversible, e que nos nenos e nenas expostos hai máis persistencia de sintomatoloxía, que aumenta se teñen outras exposicións previas como, por exemplo, ao fume de tabaco de segunda man. No estudo tamén participou de xeito moi relevante a profesora Cristina Candal Pedreira, do mesmo grupo.
Estas conclusións forman parte do proxecto ASHES (acrónimo de cinzas en inglés, ‘Analysis of Exposure and Respiratory Health Effects of Volcanic Eruption in the Canary Islands’), que analizou a exposición e os efectos na saúde respiratoria derivados da erupción volcánica en Canarias. Os resultados presentáronse este martes no Hospital Universitario de La Palma nunha rolda de prensa na que ademais dos investigadores principais participaron o presidente de Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), David de La Rosa, e outros investigadores desta sociedade científica que financiou a investigación con 300.000 euros.
O estudo formulouse e deseñouse inmediatamente despois da erupción e é o máis ambicioso sobre o efecto dunha erupción volcánica na saúde respiratoria a nivel internacional. Ao longo dun seguimento de cinco anos, o equipo incluíu máis de 600 participantes e comparou a evolución de poboación exposta e non exposta dentro da illa, con grupos específicos de poboación adulta, poboación pediátrica de seis a 18 anos, persoas con enfermidade respiratoria previa e persoas altamente expostas con acceso permitido á zona de exclusión. Ademais, a todas as persoas participantes se lles fixeron probas completas da función respiratoria, escalas de calidade de vida e se lles tomaron mostras biolóxicas.
Entre as conclusións detalladas en rolda de prensa, o proxecto asociou a exposición á erupción con ata tres veces máis probabilidade de presentar tose e co dobre de alteracións compatibles cun patrón obstrutivo pulmonar na poboación máis exposta. Nunha análise con 474 participantes, o equipo observou un incremento relevante de sintomatoloxía durante a erupción, con persistencia posterior e un patrón dose-resposta, de forma que, a maior exposición, maior sintomatoloxía. En poboación pediátrica, con 188 nenos e nenas incluídos nun dos estudos, tamén se identificou máis sintomatoloxía nos menores más expostos e maior vulnerabilidade en quen convivían con fume de segunda man ou presentaban condición respiratorias previas.
Tal e como concluíu o profesor Ruano, membro do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), os resultados mostran “unha relación entre a exposición prolongada á erupción e a presenza de síntomas respiratorios, con afectación clara na función pulmonar dos grupos máis expostos”.
A investigación aínda non está pechada e o seguimento dos participantes continúa, pero o equipo investigador observou xa tamén un impacto importante no consumo de recursos sanitarios, incluíndo consultas a urxencias e maior consumo de ansiolíticos, particularmente nas mulleres. Púxose tamén de manifesto un aumento nos niveis de interleukinas inflamatorias.
Enmarcado no grupo ESPASS, Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia liderado polo profesor Ruano e localizado na Facultade de Medicina da USC, o estudo derivou na publicación de 8 artigos científicos en revistas internacionais, comunicacións en congresos nacionais e internacionais e varios premios, entre eles ao mellor artigo científico en 2025 da Sociedade Española de Epidemioloxía.