Un maratón de 11 horas conectará Galicia coa súa diáspora en máis de vinte países

A terceira edición do Maratón de Galeguidades emitirase o 24 de xullo con conexións en directo desde Europa, América e o Indopacífico e novos contidos sobre cultura, emigración e identidade galega
DIPU CORU maraton galeguidades
22 Jul 2026

Galicia volverá mirar cara á súa diáspora o vindeiro 24 de xullo coa celebración da terceira edición do Maratón de Galeguidades, un telemaratón en directo que durante once horas conectará persoas e entidades galegas repartidas por distintos puntos do mundo.

A iniciativa, impulsada pola Deputación da Coruña e producida polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), poderá seguirse entre as 9.00 e as 20.00 horas a través da canle de YouTube do IGADI. A presentación correrá a cargo de Alba Mancebo e Miguel Canalejos.

Tras conectar con 27 países na súa primeira edición e con representantes da diáspora en 25 países na segunda, o evento consolídase como un dos principais espazos de encontro entre a Galicia territorial e a Galicia exterior.

O programa combinará conexións en directo con centros e asociacións galegas de Europa, América e o Indopacífico. Entre as entidades que xa confirmaron a súa participación figuran o Centro Galego de Barcelona, o Centro Galego de Burgos, a Irmandade Galega de Venezuela e as asociacións de galegos de Australia e Irlanda.

Como novidade, esta edición incorpora episodios temáticos coordinados por proxectos que acadaron unha importante presenza no ámbito dixital. Entre eles estarán Orgullo Galego, considerado a maior comunidade galega en internet, o Festival Emigrason de Bruxelas, o creador de contidos Olaxonmario e a plataforma de podcast Podgalego.

Ao longo da emisión tamén haberá espazos denominados 'Pausas de Hidratación', nos que se fará seguimento da repercusión do maratón nas redes sociais e se conectará con distintas personalidades. Entre elas figuran o actor Xosé Antonio Touriñán, a analista galego-uruguaia Susana Mangana e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

A cita celebrarase na véspera do Día de Galicia co obxectivo de reforzar os vínculos entre a comunidade galega residente no país e a espallada polo mundo. A edición deste ano chega ademais como antesala do XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas, previsto para os días 11 e 12 de novembro en Brasil.

0.3313889503479