Un proxecto galego leva dous Premios Inocente por achegar a lingua de signos ás aulas

A iniciativa da FAXPG, apoiada por Carolina Iglesias, recibirá 10.000 euros para reforzar a inclusión da infancia xorda en Galicia
A CORUÑA faxpg carolina
14 May 2026

O proxecto da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para promover a lingua de signos nas aulas con alumnado xordo vén de ser recoñecido con dous Premios Inocente, uns galardóns que permitirán destinar 10.000 euros ao desenvolvemento da iniciativa nos vindeiros meses.

A proposta, a única galega que concorría a estes premios de ámbito estatal dirixidos a proxectos vinculados coa infancia, foi distinguida co Premio do Xurado nunha gala celebrada este mércores en Madrid. O obxectivo é favorecer a inclusión educativa e social dos nenos e nenas xordos a través da aprendizaxe da Lingua de Signos Española por parte dos seus compañeiros e compañeiras de clase.

Na actualidade, o programa xa está presente en 30 centros educativos das catro provincias galegas. Profesionais xordos especializados en Lingua de Signos Española acoden semanalmente ás aulas para ensinar este idioma ao alumnado ouvinte e, ao mesmo tempo, actuar como referentes para os menores xordos, reforzando a súa socialización dentro do centro.

A candidatura contou co respaldo da comunicadora Carolina Iglesias, que difundiu o proxecto a través dos medios e das redes sociais. Tras recoller o premio en Madrid, Iglesias visitou este xoves a sede da FAXPG, na Coruña, para celebrar o recoñecemento co equipo da entidade.

'Esto le da sentido a mi trabajo. A veces es una profesión complicada, con muchos viajes y exposición, pero momentos como este demuestran que con tu altavoz puedes ayudar a otras personas. No puedo estar más feliz de acompañar a la FAXPG. Ojalá este sea el inicio de un largo camino juntos y sirva para concienciar sobre todo lo que cada uno puede aportar. La comunicación es un derecho', afirmou a comunicadora.

Durante a visita, Iglesias coñeceu de preto o labor da federación e anunciou tamén a súa intención de iniciarse na aprendizaxe da lingua de signos.

Desde a FAXPG trasladaron o seu agradecemento polo apoio recibido nos últimos días tanto por parte da cidadanía como dos medios de comunicación, que contribuíron a dar visibilidade ao proxecto. A entidade subliña que este recoñecemento axudará a consolidar unha iniciativa fundamental para avanzar cara a unha educación máis accesible e inclusiva para a infancia xorda en Galicia.

A FAXPG ten como misión promover o desenvolvemento integral das persoas xordas na comunidade galega en condicións de accesibilidade universal, preservando a Lingua de Signos Española como un dos seus principais valores. A federación está integrada por sete asociacións repartidas por toda Galicia e é unha entidade de referencia para o colectivo.

0.27393102645874