Un proxecto pioneiro rexistra as persoas centenarias de Galicia para coñecer os factores da lonxevidade

A Xunta impulsa a creación do Rexistro galego de persoas centenarias, un proxecto pioneiro que permitirá obter información sociodemográfica, clínico-epidemiolóxica e estatística de suma importancia para afondar nos factores da lonxevidade e optimizar a atención sanitaria que se lles presta.
O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo polo que se toma razón do inicio da tramitación da orde pola que se crea o Rexistro galego de persoas centenarias, Regace, e se regula o seu funcionamento.
O Regace permitirá a recollida e a análise dos datos determinantes da lonxevidade das persoas centenarias que residan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de avanzar no seu estudo científico.
Serán obxecto de inscrición no Rexistro aquelas persoas que teñan cen ou máis anos, con aseguramento público ou privado, con residencia na Comunidade.
O Rexistro estará adscrito á Consellería de Sanidade, a través do órgano directivo con competencias en materia de planificación sanitaria, e integrado como sistema específico na Rede galega de vixilancia en saúde de Galicia.
O Rexistro estará sometido ao principio de confidencialidade e ao respecto da normativa reguladora de protección de datos de carácter persoal. Así, os datos que consten no Rexistro deben ser adecuados, pertinentes e limitados aos necesarios en relación cos fins do Regace.
O persoal sanitario dos centros sanitarios públicos e privados de Galicia que diagnostique, trate ou realice o seguimento de pacientes que teñan a condición de persoas centenarias, poderá notificarlle ao Regace os datos e a información a través dun sinxelo sistema habilitado para tal fin.
Galicia é a comunidade con máis centenarios de España. En concreto, a cifra estimada de persoas centenarias en Galicia ascende a máis de 1.500, o que supón un 10,7 % da poboación centenaria do Estado.
Cómpre remarcar que, atendendo aos últimos datos do Instituto Galego de Estatística, a esperanza de vida en Galicia se situaba, no ano 2024, en 81,19 anos para os homes e 86,83 para as mulleres, que supera, nos dous casos, a media estatal.
Funcións do Regace
Tal e como se recolle na orde, serán funcións do Regace recoller, integrar e analizar os datos procedentes das fontes de información determinadas, coa finalidade de obter datos sociodemográficos e clínico-epidemiolóxicos.
Tamén deberá normalizar a información de acordo coas pautas homologadas no ámbito estatal e internacional e avaliar e mellorar o Rexistro, mantendo unha información fiable, completa e actualizada sobre as persoas centenarias que teñan a súa residencia no territorio da comunidade autónoma.
Ademais, realizará estatísticas, informes periódicos e publicacións co fin de mellorar o coñecemento relativo á lonxevidade, integrando a información no Observatorio Galego de Saúde Pública.
Deste xeito, contribuirá ao desenvolvemento de liñas de investigación prioritarias sobre a lonxevidade que sexan obxecto de rexistro e con calquera outra actividade que redunde no seu mellor coñecemento; proporcionará información epidemiolóxica sobre a incidencia e prevalencia das persoas centenarias, así como ao dos seus factores determinantes asociados, e permitirá dispor do coñecemento suficiente para orientar a planificación e xestión sanitaria, as actividades preventivas e asistenciais no ámbito das persoas centenarias.
Ferramenta clave
O Regace supón unha ferramenta clave para afrontar os retos derivados da lonxevidade extrema na Comunidade. Así, o coñecemento detallado da poboación centenaria permitirá dispor dun censo clínico, epidemiolóxico e estatístico das persoas centenarias, por idade, sexo ou outras variables que poidan resultar de utilidade en distintas agrupacións xeográficas, e a súa evolución ao longo do tempo.
Tamén permitirá o Rexistro facilitar a información necesaria para orientar a planificación e xestión sanitaria e a avaliación das actividades asistenciais orientadas ás persoas centenarias, ademais de contribuír á identificación dos grupos de poboación de maior probabilidade de acadar a condición de persoa centenaria.
Xunto ao anterior, o Regace posibilitará apoiar o fomento da atención personalizada ás persoas centenarias e promover a difusión da información relevante para a súa atención ao persoal sanitario, non sanitario e á poboación xeral, e difundir os resultados de interese a nivel internacional.
Así mesmo, grazas a Regace, Galicia colaborará coas institucións españolas, europeas e internacionais na contribución ao coñecemento da situación da lonxevidade da poboación e fomentará a investigación e a formación relacionada coa atención das persoas centenarias, especialmente dos factores determinantes da lonxevidade.