Un total de 22 espazos de Ferrol quedarán reconocidos como Lugares de Memoria Democrática

Ferrol xa conta oficialmente coa declaración de Lugar de Memoria Democrática. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este luns a resolución da Secretaría de Estado de Memoria Democrática que recoñece o valor histórico de distintos enclaves da cidade pola súa vinculación coa defensa da legalidade republicana, a represión durante e despois da Guerra de España, a resistencia á ditadura e a recuperación dos valores democráticos.
A resolución sinala que Ferrol reúne numerosos espazos que permiten reconstruír distintas etapas da súa historia contemporánea e facer visible a violencia exercida durante a ditadura. Entre os lugares mencionados figuran os cemiterios de Canido e San Salvador de Serantes, o castelo de San Felipe, o antigo cárcere naval militar de Caranza, o cuartel de Dolores, a actual comisaría da Policía Nacional e a factoría de Navantia Ferrol.
O recoñecemento non se limita, porén, aos escenarios directamente relacionados coa represión. O documento incorpora tamén espazos que tiveron un papel destacado na vida democrática, cultural e obreira da cidade, como o Teatro Jofre, o Centro Obreiro de Cultura e Beneficencia e o Cantón de Molíns. Deste xeito, a declaración abrangue tamén lugares vinculados á organización social, á actividade cultural e á historia do movemento obreiro ferrolán.
A resolución inclúe así mesmo a memoria de tres figuras nacidas en Ferrol: Concepción Arenal, Ricardo Carvalho Calero e Pablo Iglesias Posse. O texto relaciónaas, respectivamente, coa defensa do reformismo social, coa cultura e a lingua galegas e cos dereitos das persoas traballadoras.
No seu conxunto, estes enclaves e referentes persoais configuran unha xeografía histórica que, segundo recolle a resolución, permite preservar a memoria das vítimas e de quen defendeu as liberdades, así como explicar a evolución da cidade e a súa relación cos principais acontecementos políticos e sociais dos séculos XIX e XX.
A declaración definitiva culmina o procedemento impulsado en 2025 polo Ateneo Ferrolán, Ferrolterra Antiga, Fuco Buxán, López Bouza e Memoria Histórica Democrática, co respaldo de 16 historiadores e historiadoras e unha investigadora. As entidades celebraran o anuncio da resolución e reclamaran que o recoñecemento vaia acompañado de medidas para conservar, sinalizar e divulgar os espazos, recuperar testemuños e documentación histórica, facilitar o acceso aos arquivos e promover itinerarios de memoria pola cidade.