Un traballo conxunto entre o CHUS e a USC gaña un dos premios Universidade e Divulgación

A profesora da USC María Isabel Borrajo García e a docente responsable da Aula Hospitalaria, María Teresa Rey Rey, son as responsables do estudo
estudo-usc-chus
10 Nov 2026

A profesora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización, María Isabel Borrajo García, e a docente responsable da Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e doutoranda na UDC, María Teresa Rey Rey, acaban de gañar un dos premios Universidad y Divulgación que convoca por vez primeira a Fundación Muy Interesante.

O artigo premiado na categoría Educación e Sociedade leva por título ‘Fuera de la foto de grupo’ e é un texto de divulgación que ensina a ler cifras e enquisas con sentido crítico. Para a investigación partiuse dunha experiencia real: no marco do programa de voluntariado da USC traballouse co alumnado hospitalizado na Aula Hospitalaria do CHUS para coñecer como se ven e se viven as enfermidades de longa duración nos centros educativos. Para dar resposta a esta cuestión, deseñaron unha enquisa, analizaron os datos e extraeron conclusións.

En esencia, o traballo conta como un grupo de estudantes hospitalizados aprendeu estatística investigando como se ve a súa enfermidade nos seus institutos e usan esa experiencia para ensinar a ler calquera cifra con espírito crítico.

A convocatoria destes galardóns recibiu 577 candidaturas de universidades, organismos públicos de investigación e unidades de cultura científica de toda España, repartidas en oito categorías. As candidaturas pasaron por tres revisións sucesivas, das que saíron cinco finalistas por categoría, corenta en total. Deles, o Padroado da Fundación elixiu un proxecto gañador en cada categoría.

0.68674683570862