Unha fiscal de Santiago recibiu unha mención extraordinaria polo seu labor

O Pleno do Consello Fiscal acordou por unanimidade conceder unha mención extraordinaria a Raquel Álvarez Barreiro, fiscal delegada de Violencia sobre a Muller da Fiscalía de Área de Santiago de Compostela, en recoñecemento ao seu papel na posta en marcha da Sección Comarcal de Violencia sobre a Muller do Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela e na creación e consolidación da sección especializada da Fiscalía de Área.
A proposta de recoñecemento foi elevada ao Consello Fiscal pola fiscala superior de Galicia, Carmen Eiró Bouza, por iniciativa do fiscal xefe de Área de Santiago de Compostela, Antonio Roma Valdés, quen destacou a contribución de Álvarez Barreiro á organización e ao desenvolvemento deste novo servizo.
A Fiscalía de Área impulsou o proxecto e identificou as necesidades organizativas derivadas da creación dunha sección con competencias sobre oito partidos xudiciais. Neste proceso, Raquel Álvarez Barreiro desempeñou un papel fundamental, especialmente no establecemento de mecanismos de coordinación entre as institucións e os profesionais implicados.
O acordo do Consello Fiscal destaca os resultados acadados pola sección e cualifica de «óptimos» os seus indicadores tras os primeiros nove meses de funcionamento.
A mención extraordinaria está destinada a recoñecer actuacións de singular excelencia no exercicio da carreira fiscal. No acordo, asinado pola fiscal xeral do Estado e presidenta do Consello Fiscal, Teresa Peramato Martín, o Pleno pon de relevo a especial complexidade do labor desenvolvido e expresa o seu agradecemento e parabéns a Álvarez Barreiro pola súa profesionalidade, o seu sentido da responsabilidade e o seu compromiso coa función fiscal.