Unha investigación da USC achega claves para comprender trastornos do desenvolvemento

Un equipo da Facultade de Veterinaria da USC, liderado pola profesora Laura Sánchez Piñón e no que participan Maider Roibás-Santos e Andrés Blanco-Hortas, e do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), no que interveñen Ángel Carracedo e Catarina Allegue, acaba de demostrar, a través de modelos de peixe cebra, “o papel esencial” do xene TRIP12 durante o desenvolvemento embrionario. O traballo achega novas claves para comprender enfermidades raras asociadas á discapacidade intelectual e aos trastornos do espectro autista. O estudo acaba de ver a luz na revista Brain Communications.
A investigación sitúa o peixe cebra como unha ferramenta clave para comprender os mecanismos biolóxicos que orixinan algúns trastornos. Neste senso, o traballo identifica o papel esencial do xene TRIP12 no desenvolvemento do sistema nervioso e abre novas vías para investigar enfermidades raras como a síndrome de Clark-Baraitser, enfermidade xenética moi rara caracterizada por discapacidade intelectual, obesidade, macrocefalia e atraso na fala. Para alcanzar estes resultados, o equipo desenvolveu un modelo de peixe cebra co xene TRIP12 inactivo. Este organismo converteuse nun dos principais modelos de investigación biomédica por compartir unha elevada similitude xenética cos seres humanos e permitir observar en tempo real os procesos de desenvolvemento embrionario.
Grazas a estas características, o equipo puido analizar con precisión as consecuencias da perda de función deste xene desde as primeiras etapas da vida. Os peixes mutantes reproduciron varios dos trazos descritos en pacientes con alteracións en TRIP12, entre eles anomalías craneofaciais e unha redución da actividade locomotora. Ademais, o estudo puxo de manifesto que este xene resulta imprescindible para o desenvolvemento temperán: os individuos con perda completa do xene non sobreviviron máis aló dos 23 días tras a fecundación, mentres que aqueles con unha única copia funcional presentaron unha elevada mortalidade durante as primeiras semanas de vida.
A análise transcriptómica realizada polo equipo permitiu identificar numerosas rutas moleculares alteradas, especialmente aquelas relacionadas co desenvolvemento do sistema nervioso e outros procesos biolóxicos esenciais. Estes resultados axudan a explicar como as mutacións en TRIP12 poden dar lugar a discapacidade intelectual, atraso do desenvolvemento e trastornos do espectro autista, alén de sinalar posibles dianas para futuras estratexias terapéuticas. "O peixe cebra permítenos observar de forma moi precisa como unha alteración xenética afecta o desenvolvemento do organismo desde as súas primeiras fases. Comprender estes mecanismos é un paso fundamental para avanzar cara a futuras aproximacións terapéuticas en enfermidades raras do neurodesenvolvemento", destaca a investigadora Laura Sánchez.
O estudo é froito da colaboración da USC co Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), o CIBER de Enfermidades Raras (CIBERER), a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC).