Unha ollada sobre Palestina: o Concello visibiliza a situación en Gaza cunha exposición itinerante polos equipamentos municipais

O Concello de Santiago, xunto coa asociación Compostela por Palestina, inaugura no CSC Aurelio Aguirre de Conxo a mostra “Unha ollada sobre Palestina”, con 22 fotografías que retratan a vida cotiá e o sufrimento en Gaza. A exposición dará a volta a varios centros sociais municipais ata finais de agosto para “sensibilizar á cidadanía e denunciar o xenocidio”.
Exposicion Gaza
2 Jun 2025

A rexedora de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentaron hoxe no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo a exposición itinerante “Unha ollada sobre Palestina”, organizada en colaboración coa asociación Compostela por Palestina. Trátase dunha mostra que reúne 22 imaxes do fotógrafo palestino Hosny Salah, xornalista e documentarista, que reflicten a vida cotiá e o drama diario do pobo en Gaza.

Na súa intervención, Sanmartín subliñou que “o Concello de Santiago quere poñer o seu gran de area para visibilizar a situación terrible de Palestina e denunciar un xenocidio no que están sendo asasinadas milleiros de persoas, incluíndo crianzas, nunha guerra televisada con imaxes arrepiantes diante das que non podemos permanecer en pasividade”. A alcaldesa insistiu en que, “aínda que algunhas potencias e administracións prefiran mirar cara outro lado, nós non nos resignamos e seguiremos repetindo que ‘non no noso nome’”.

Pola súa banda, María Rozas recordou que a itinerancia da exposición responde ao compromiso adquirido polo Concello no Pleno municipal, ao aprobar unha moción presentada por Compostela por Palestina. O obxectivo principal desta iniciativa é “sensibilizar á cidadanía sobre o que está a acontecer en Gaza e fomentar a solidariedade co pobo palestino, que loita por vivir en paz”.

Miguel Fernández, en representación de Compostela por Palestina, agradeceu o apoio do Concello e destacou que “non podemos quedarnos parados mentres se asiste ao intento de destruír por completo un pobo e un territorio, máis aló dun xenocidio”.

Cada fotografía de Hosny Salah vai acompañada dun código QR que dirixe a información adicional sobre o contexto e as persoas retratadas, co fin de achegar o relato directo destas familias. A exposición poderá visitarse ata o próximo 18 de xuño no CSC Aurelio Aguirre de Conxo. A partir de entón trasladarase ao Centro Xove da Almáciga, onde ficará ata finais de agosto, para seguir achegando esta “olla sobre Palestina” á veciñanza compostelá.

⚙ Configurar cookies
0.2956428527832