Unha peregrina xaponesa recibe o Certificado Dual 20.000 por percorrer o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo

Megumi Tominaga, unha muller da cidade xaponesa de Yamaguchi, recibiu o Certificado que a convirte na peregrina Dual número 20.000. Megumi Tominaga percorreu este ano os Camiños de Santiago e o Kumano Kodo. O Kumano Kodo fíxoo este mes de marzo seguindo a Ruta Imperial dende Takijiri-Oji. E neste de novembro percorreu o Camiño de Santiago dende Sarria. Turismo de Santiago entregoulle un pequeno agasallo, consistente en diferente material arredor do Códice Calixtino, como recordo.
Santiago de Compostela e Tanabe levan traballando conxuntamente desde o ano 2008, cando se asinou o primeiro convenio de colaboración entre ambas cidades que sentou as bases dunha relación cada vez máis profunda. Un dos proxectos máis importantes naceu no 2015, cando se creou o Pasaporte Dual. O Pasaporte Dual concíbese como un documento similar á credencial do Camiño de Santiago, pero no que se recoñece que se fixeron os dous Camiños, o de Santiago e o de Kumano, ambos declarados Patrimonio da Humanidade.
Cando unha persoa completa os dous Camiños recibe un certificado e un alfinete conmemorativo cos símbolos propios de ambas rutas de peregrinación, a vieira do Camiño de Santiago e o corvo de Tanabe, e súbese unha fotografía a unha web común como lembranza dixital do logro conseguido.
Dende a súa creación no 2015, percorreron xa ambos camiños persoas procedentes de máis de 80 países. O país con maior número de peregrinos duais é Taiwan, con máis de 3.000, seguido de EEUU, con 2.700, Xapón, con 2.500, China, con 2.200 e Australia con 2.000. Estes datos amosan o interese global que ten o Pasaporte Dual. Trátase de dous Camiños Patrimonio da Humanidade que se atopan en continentes distintos, Europa e Asia, e que a súa vez son capaces de atraer nos primeiros lugares a turistas doutros dous continentes, Oceanía e América.
Cabe lembrar que o proxecto do Camiño Dual recibiu o pasado setembro o premio do público da Rede Europea de Turismo Cultural nunha gala que se celebrou en Skiathos, Grecia, no marco da 19ª Conferencia Europea de Turismo Cultural. En total, presentáronse aos premios 72 proxectos de 23 países, entre os que se seleccionaron 19 finalistas, divididos en varias categorías.
O proxecto do Camiño Dual presentado por Turismo de Santiago conseguiu o premio do público, con máis de 5.000 votos recibidos, superando aos outros 18 finalistas. Ademáis, dentro da categoría na que se presentou ao concurso, “Productos de Turismo temático transnacional vinculados coa Cultura e o Patrimonio”, o proxecto do “Dual Pilgrim” acadou o segundo posto do xurado, ratificando así que o proxecto non só convenceu ao público senón tamén ao persoal técnico que valorou o traballo de Turismo de Santiago.