Unha plataforma de IA da USC, entre as 20 iniciativas de innovación en comunicación pública destacadas pola ONU

A ferramenta desenvolvida polo PSM Research Team recibe a distinción ‘Spotlight’ do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento
presentacion-valuebot
2 Nov 2026

A plataforma VALUEbot, desenvolvida polo PSM Research Team do grupo de investigación Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi recoñecida como unha das 20 iniciativas máis destacadas do Atlas of Innovation in Public Communication, impulsado polo Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD). O proxecto recibiu a distinción ‘Spotlight’ na categoría Clarity in Action, que premia propostas capaces de transformar información complexa en contidos claros e comprensibles para a cidadanía.

O Atlas ten como obxectivo identificar e recoñecer experiencias innovadoras no ámbito da comunicación pública a nivel internacional. Nesta edición recibiu 173 candidaturas de 50 países, das que seleccionou 102 iniciativas de 32 estados. Só 20 delas conseguiron a distinción ‘Spotlight’, reservada aos proxectos que obtiveron as valoracións globais máis altas en innovación, relevancia, impacto e posibilidades de replicación.

VALUEbot emprega intelixencia artificial para facilitar o acceso á información institucional, documentos e informes a través de interfaces conversacionais e chatbots. A plataforma comezou a desenvolverse en 2024 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e conta cunha arquitectura modular que permite incorporar distintos modelos de IA, tanto aloxados na nube como executados localmente.

Esta estrutura busca reforzar a independencia tecnolóxica, a privacidade e o control das institucións sobre os sistemas empregados, nun contexto marcado pola crecente dependencia dos grandes provedores tecnolóxicos. O Atlas salienta precisamente o uso dunha intelixencia artificial ética, modelos locais e tecnoloxías de código aberto para avanzar cara a unha comunicación pública máis accesible, transparente e fiable.

O proxecto foi desenvolvido entre 2024 e 2025 baixo a dirección de Miguel Túñez López, investigador principal, e coa coordinación científico-técnica de Isaac Maroto González, responsable do deseño e do desenvolvemento metodolóxico da plataforma.

A investigación, titulada ‘Creación de una plataforma generadora de chatbots mediante IA para la comunicación del valor público del PSM. VALUEbot’ (PDC2023-145885-I00), contou con financiamento de MCIN/AEI e da Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Validación con medios públicos europeos

A ferramenta foi probada coa participación de 17 profesionais e especialistas de medios públicos europeos, entre eles a CRTVG, CMMTV, Canal Sur, Yle e NPO. O proceso de validación incluíu tamén un grupo focal na Universidade de Tampere.

Ademais, VALUEbot empregouse para difundir o informe da Cátedra CIRCOM da Universidade de Vigo durante a conferencia anual de CIRCOM de 2025. As probas realizadas abrangueron 40 proxectos experimentais e 85 chatbots, que xeraron un total de 1.117 rexistros de conversación.

A evolución da plataforma permitiu establecer un acordo de colaboración entre a USC e a Universidade de Vigo para impulsar o seu uso con fins didácticos e divulgativos. Esta colaboración supón un novo avance na transferencia dos resultados da investigación e abre novas posibilidades de aplicación nos ámbitos académico, educativo e da divulgación do coñecemento.

0.47598505020142