Unificadas tres liñas de axudas para a produción editorial galega

Auméntase o número máximo de solicitudes a presentar por editorial e amplíanse os tipos de gastos e formatos subvencionables
tablet-literatura-libros-diccionario-poesia
13 Jul 2026

A Xunta destinará 350.000 euros para apoiar as editoriais galegas na produción literaria ao unificar nunha mesma liña de axudas as destinada a edición, distribución e comercialización, as de audiolibros e as de publicación de libros de lectura fácil en formato físico e dixital, dando resposta ás demandas do sector.

Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude procura unha maior eficacia, axilidade, optimización de recursos, ao tempo que a simplificación de cargas administrativas para as entidades solicitantes. Ademais desta agrupación, tamén se establece como novidade o carácter bianual das mesmas. Consecuentemente, a partir de esta convocatoria, o período subvencionable é maior, xa que abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2026 ata o 30 de setembro de 2027.

De igual xeito, esta nova orde tamén aumenta o número de solicitudes que pode presentar cada editorial, que pasa de 15 a un máximo de 20, ao tempo que amplía os tipos de gastos para que se lle dea cobertura á nova realidade tecnolóxica, á vez que incrementa a cobertura económica a máis estilos de formatos.

O obxectivo desta iniciativa do Goberno galego é o de apoiar ao sector editorial nos gastos derivados da produción, distribución e comercialización das publicacións en galego, ademais de incentivar a produción de libros, que favorezan tanto a dixitalización como o acceso universal á cultura, a través da posta no mercado de audiolibros e de libros en lectura fácil, dous ámbitos prioritarios para o fomento da lectura e a cultura inclusiva.

Neste senso, esta liña de axudas está vinculada aos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada en 2025, que se converteu en pioneira na Unión Europea, desenvolvendo medidas para eliminar barreiras físicas, cognitivas, sociais ou territoriais.

0.38377904891968