Unións agrarias pide unha actuación urxente da Xunta e tecores ante os danos do xabaril no millo

Unións Agrarias denuncia a situación que están a sufrir numerosas explotacións agrarias da provincia da Coruña polos danos provocados polas mandas de xabaril na actual campaña de sementeira do millo. A organización está recibindo queixas xeneralizadas de agricultores e gandeiros que ven como, poucos días despois de sementar, as parcelas aparecen levantadas, removidas ou directamente inutilizadas.
As queixas son especialmente intensas en comarcas como Bergantiños, Ordes, Compostela, Xallas, Ortegal e a Costa da Morte, onde existe un forte malestar entre as explotacións afectadas. Unións Agrarias subliña que non se trata de entradas puntuais dun animal illado, senón da presenza reiterada de auténticas mandas de xabaril que acceden aos cultivos recén sementados e comprometen a nascencia do millo nun momento especialmente sensible.
A organización reclama a colaboración inmediata dos TECOR e das sociedades de caza, que deben implicarse de maneira proactiva na prevención dos danos e na execución de accións disuasorias e paliativas alí onde sexa preciso. Para iso, Unións Agrarias esixe tamén á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que facilite con axilidade as autorizacións necesarias e aplique os protocolos de intervención coa flexibilidade que a propia normativa permite cando existen danos importantes nos cultivos.
Unións Agrarias lembra que o millo forraxeiro é unha peza básica para a alimentación das explotacións de vacún de leite e de carne, nun contexto no que a alimentación do gando pode representar arredor do 60% dos custos de produción. Perder superficie de millo implica reducir a autonomía alimentaria das granxas e incrementar a dependencia de forraxes e pensos comprados, nun momento marcado polo encarecemento do gasóleo agrícola, dos fertilizantes e doutros insumos.
Segundo os últimos datos oficiais dispoñibles, na provincia da Coruña seméntanse 44.808 hectáreas de millo forraxeiro, sobre un total de 72.305 hectáreas no conxunto de Galicia. O valor desta produción supera os 130 millóns de euros. Isto significa que cada 1% da superficie afectada pode representar arredor de 1,3 millóns de euros de impacto económico.
A organización considera ademais insuficiente o actual sistema de axudas para explotacións profesionais, xa que a convocatoria autonómica establece un máximo de 2.750 euros por persoa beneficiaria. Esta cantidade pode quedar moi por debaixo do dano real cando unha granxa sofre afeccións importantes en varias parcelas ou se ve obrigada a repetir a sementeira.
Unións Agrarias lembra tamén que o problema do xabaril supera xa o ámbito estritamente agrario, sendo un problema social no rural galego. O ano pasado rexistráronse na provincia da Coruña 1.237 avisos por danos, unha cifra que non recolle toda a incidencia real, xa que moitas perdas non se comunican formalmente. A isto súmase a dimensión de seguridade viaria, con arredor de tres accidentes de tráfico diarios con xabarís na provincia.
A organización advirte de que, se non se actúa agora, a situación pode repetirse a partir de agosto, cando a espiga estea madura e as mandas de xabaril volvan entrar nas parcelas atraídas polo gran. Por iso, reclama actuacións urxentes nas zonas de maior afección, coordinación real cos titulares das explotacións e unha resposta administrativa áxil.
Finalmente, Unións Agrarias advirte de que prestará apoio aos seus asociados na reclamación dos danos cando así o soliciten, especialmente naquelas zonas e circunstancias nas que non se preste a colaboración debida por parte das entidades responsables do control das poboacións de xabaril, tanto nos TECOR como nas zonas libres de caza, onde a responsabilidade corresponde directamente á Xunta de Galicia.