United Airlines confirma que seguirá facendo a ruta Santiago-Nova York no ano 2027

United Airlines manterá en 2027 a ruta directa entre Santiago de Compostela e Nova York, unha conexión considerada estratéxica para o aeroporto Rosalía de Castro e para o sector turístico da cidade. Estados Unidos é actualmente o principal mercado turístico internacional de Compostela, con máis de 150.000 estadías anuais.
A continuidade da ruta foi anunciada con moita antelación respecto dos prazos habituais das compañías aéreas para comunicar a súa programación, polo que supón unha boa noticia para o aeroporto compostelán, que consolida así unha conexión directa cun dos principais mercados internacionais da cidade. A ruta tamén facilita as viaxes das persoas residentes en Santiago aos Estados Unidos sen necesidade de realizar escalas.
A conexión Santiago-Nova York comezou a operar o pasado 28 de maio e converteuse no primeiro voo en aterrar no aeroporto Rosalía de Castro tras a reapertura das instalacións, despois das obras que obrigaron a manter o aeroporto pechado desde a segunda quincena de abril ata finais de maio.
A incorporación desta ruta produciuse nunha tempada de verán marcada polo reforzo da conectividade internacional do aeroporto compostelán. Durante estes meses tamén se incorporou KLM, cunha conexión directa con Ámsterdam, mentres Aer Lingus abriu a súa ruta con Cork e Lufthansa incrementou as frecuencias con Frankfurt ata ofrecer un voo diario durante os meses centrais do verán.
A confirmación de United Airlines chega despois de que Vueling anunciase a incorporación dun quinto avión ao aeroporto para a próxima tempada de verán e de que Wizz Air avanzase a posta en marcha da súa base en Santiago, inicialmente prevista para febreiro e finalmente adiantada ao 17 de decembro.
Estas novidades apuntan a unha tempada de verán de 2027 na que previsiblemente continuará aumentando a conectividade internacional do aeroporto Rosalía de Castro, reforzando o proceso de internacionalización da demanda turística de Santiago.
Esta aposta responde tamén á estratexia turística da cidade para incrementar o peso dos visitantes internacionais, que presentan en xeral un maior gasto diario e achegan un maior valor engadido ao conxunto do municipio. Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), entre xaneiro e xullo o turismo internacional xa representou o 56 % das estadías rexistradas en Santiago, con 416.043, fronte ao 44 % correspondente ao turismo doméstico.